Aínda que faltaban uns poucos días para celebrar Santa Icía, Musicreques viaxou ata Carnota, invitadas polo Concello e a Escola de Música, para festexar cos rapaces da vila o día da patrona dos músicos.
O público asistente participou moi activamente e foi un pracer para Alma e Loreto ver o ben que se manexou toda a cativada cantando e seguindo o ritmo das cancións do Contacontos Musicais.
Deixámosvos aquí un par de videos para que o vexades.
Moitas grazas ao Concello de Carnota e a Alianza, profe da Escola de Música, por invitar a Musicreques a compartir os seus contos e a súa música convosco!! E moitas grazas tamén aos pais e mais que seguen a apostar pola cultura levando ás súas crianzas aos teatros e auditorios.
Estamos moi contentas de podervos contar de que a nosa canle de Youtube ten cada día máis seguidores. Xa pasamos dos 100!!
A cousa é que a nosa comunidade incrementouse notablemente a partir do confinamento polo Covid, no que subimos un montón de videos novos para facer a situación máis levadeira ás crianzas. Mais tamén temos axuda con artigos tan estupendos como o que publicou o outro día a páxina de Youtubeir@s
No post de Youtubeiras falan da nosa canle en compañía doutras tan importantes como as do OQO, os Bolechas, Apego e compañías referentes da escena infantil galega como Migallas Teatro, Pakolas, Uxía Lambona, etc. Que privilexio figurar entre tan grandes nomes!!
Moitas grazas a Youtubeir@s por pensar en nós e moitas grazas ao nosos público por seguirnos nas nosas redes. Dádesnos ánimos para pensar en novas cousas que facer!
"A lanchiña do flamenco" é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.
Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.
O pasado domingo quixemos celebrar o día da nai publicando nas nosas redes un video homenaxe ás nais que están connosco e tamén as que, desafortunadamente, xa non están. Fixémolo con moitísimo agarimo empregando a letra da cantiga popular "Miña nai, miña naiciña" e a música ao piano da peza "Mamá" de P. I. Tchaikovski.
Esperamos que vos guste.
Aproveitamos para informarvos de que este próximo sábado tamén subiremos á nosa páxina de youtube un novo conto musical. Será o titulado "A lanchiña do flamenco" no que os rapaciños poderán aprender a contar, recoñecer animais e cantar unha canción. Non volo perdades!
E se non queres perder ningunha das nosas novidades...
Se aínda non estades subscritos á nosa canle de Youtube non deixedes de facelo se queredes estar ao día das nosas publicacións, porque dende o video de Ramona, a mosca lambona que colgamos a principio deste mes, engadimos un conto musical máis: o conto de "O caracol viaxeiro".
Nel aproveitamos para dar a coñecer aos raparigos a fauna das distintas partes do mundo, dende o deserto ata o ártico, a selva e as fragas, todo isto coa fermosa música do segundo movento (Andante) da Sonata en Do.M K 545 de Mozart.
As ilustracións dos fermosísimos debuxos vectoriais que aparecen no conto as atopamos ná páxina: https://www.freepik.es/fotos-vectores-gratis, e as fotos de animais da páxina: https://pixnio.com/es/
Por outra banda, e polo día do libro do pasado xoves, compartimos tamén nas nosas páxinas de Facebook e Instagram un simpático video que fixeron catro dos nosos pequenos seguidores (Iago, Lois, Leo e Iria) contando e recomendando o noso conto A tola de Lola. Se non coñecedes o conto non deixedes de velo!
Esperamos que estedes todos ben e que o noso traballo vos axude a levar mellor esta difícil situación de confinamento.
Onte subimos ás nosas redes sociais un novo video para que a rapazada pase entretida o confinamento. Esta vez foi a quenda do conto de "Ramona, a mosca lambona".
Neste divertido conto, no que a mosca Ramona come sen parar durante toda a semana moitas cousas non moi saudables, os rapaciños poden cantar e bailar connosco, ademais de rir coas cousas que fai Ramona e descubrir o sorprendente (ou non tan sorprendente) final....
Non deixedes de velo, cantalo e bailalo... e, se vos gusta, compartilo cos vosos amigos!
E se non queres perder ningunha das nosas novidades...
Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de Facebook, Instagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.
O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación:
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
No poleiro está o galo
de vistosa crista vermella,
dous agudos espolóns
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro
e o defende dos raposos.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
xunto ao galo, a galiña,
de tamaño máis pequeno
e de plumas de cor ouro,
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo,
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.
Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!
Outro video que poderes ver é o do conto musicado "A galiña Carmiña". Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.
E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.
Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!
Nestes momentos tan difíciles, nas que a pandemia do coronavirus oblíganos a permanecer na casa e onde ninguén pode realizar vida normal, as Musicreques decatámonos da complicada situación de moitas familias que tedes que xestionar o traballo na casa, a incertidumbre do que está por vir, a preocupación pola saúde propia e das persoas que queredes, coa permanencia dos vosos fillos e fillas no domicilio, sen colexio nin actividades coas que poidan estar entretidos.
Dentro das nosas posibilidades, que son limitadas xa que as Musicreques somos Alma e máis Loreto e que cada quen ten a súa casa e polo tanto non nos podemos reunir para facer cousas xuntas... queremos compartir convosco os nosos contos e cancións.
Acabamos de subir á nosa canle de Youtube o conto de "A chicharra Dora". Como tódo-los contos do espectáculo Contacontos Musicais é da nosa autoría, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán, e está musicado tal e como o representamos no espectáculo de narración oral.
É un conto breve que vai de músicos pero non só é para músicos porque trata dun tema bastante común, a convivencia entre os veciños. Problema moi frecuente que temos os músicos profesionais, xa que temos que compaxinar o noso amor pola música e a necesidade de practicar frecuentemente, coa dificultades de vivir nunca comunidade de veciños.
Aquí está o video. Esperamos que vos guste!
O conto da chicharra é o segundo video dos contos do Contacontos Musicais. Anteriormente subimos o conto de A tola de Lola que esté a ter moi boa acollida entre os rapaciños. Se vos gustan os contos de animais ou de aqueles que fan cousas que ninguén se espera, non volo perdades!
É unha breve mostra do que fixemos en distintas localizacións (como Negreira, Ourense, Carballo ou Pontedeume), dos materiais que empregamos (monicreques, ilustracións, instrumentos de pequena percusión, etc), e tamén da posta en escena.
A música que soa de fondo é o acompañamento ao piano duna das cancións incluídas no espectáculo: a canción da Tola de Lola, composta por Alma Cendán.
O prometido é débeda. Tal e como vos adiantamos noutro post, temos outro video dos nosos monicreques dispoñible na canle de Musicreques en Youtube e, nesta ocasión, o protagonista é Quebranoces.
Poderá axudar a Clara o valente soldadiño coa decoración da árbore de Nadal ou será mellor que non faga nada? Se queredes ter a resposta teredes que ver o video ata o final.
Coñecedes o conto do Quebranoces? Verdade que é un fantástico conto para esta época de Nadal? Pois agora imaxinádeo ca fermosa música da Suite de Tchaikovsky soando mentras gozades cas "Aventuras de Quebranoces" da man dos nosos monicreques.
Por cuestións familiares este Nadal non poderedes atopar a Musicreques nos escenarios, pero voltaremos pronto á actividade. Non deixedes de estar atentos ao blog ou ao noso facebook para coñecer todas as novidades.
O pasado sábado 10 de outubro representamos o espectáculo de "O Quebranoces" para bebés no Auditorio da Praza de Galicia de Narón dentro da festa organizada pola BBTTA de Narón para celebrar a Semana Mundial da Lactancia Materna 2015.
Á representación asistiron aproximadamente unas 100 persoas, entre rapaciños e pais e nais, e alégranos moito poder dicir que lles encantou a representación e quedaron con ganas de repetir.
Quixemos aproveitar esta ocasión para gravar un pequeno vídeo deste fermoso conto musical onde, ademais de contarlles un relato clásico de Nadal aos nenos, traballamos outros contidos como: as partes do corpo, as cores, o día e a noite, saber onde é arriba e onde é abaixo, etc...
Xa tedes dispoñible o vídeo de "Iván e o Lobo gris" que fixemos hai uns poucos días para que vexades como é o espectáculo. Tedes moitos xeitos de acceder a el.
En primeiro lugar podédelo atopar se pinchades na pestana de ESPECTÁCULOS, que está na parte superior do blog, e despois lle dades a ler máis.. en "Iván e o Lobo gris".
Tamén é doado de atopar en Youtube, indo directamente á nosa canle (Musicreques) ou poñendo "Iván e o Lobo gris" no buscador.
Os blogs da biblioteca e do 1º Ciclo de Primaria do Ceip Conde de Fenosa escribiron sobre a actuación de Musicreques. Alégranos poder dicir que lles gustou moito o noso concerto didáctico!
Deixámosvos aquí os enlaces aos blogs para que os visitedes e vexades as fotos e o video da actuación.
Deixámosvos enlace ao video de Youtube do noso concerto didáctico "As aventuras de Quebranoces". Tedes un anaquiño de cada escena protagonizada polos monicreques. Esperamos que vos guste!!
Neste video que fixeron no Ceip. Couceiro Freijomil tedes unha mostra do que é o Concerto Didáctico de "As aventuras de Quebranoces". Podedes ver a parte de música e títeres, unha mostra das diapositivas e a escena de Rusia co simpático ruso e a súa muller. Espero que vos guste!
A clase de Ana, dos nenos de 4 anos do Ceip. Couceiro Freijomil, publicou no seu blog o video da actuación que fixemos para Infantil. Déxovos o link para que o vexades se vos interesa.
Tamén podedes ver a reseña sobre o noso concerto didáctico que fixo a clase das tartarugas (os nenos de 5 anos) no seu blog. Alégranos que o pasan tan ben!