mércores, 26 de decembro de 2018

Actuacións de Musicreques este Nadal en Curtis e Riveira

Nesta semana de vacacións de Nadal Musicreques ten previstas dúas actuacións. 

O venres 28, representaremos o conto musical con monicreques Iván e o lobo gris dentro da programación de Nadal do Concello de Curtis. A actuación será ás 17:00 no Edificio Multiusos.


O sábado 29 viaxaremos ata Riveira para compartir cos rapaciños o espectáculo para bebés O Quebranoces. Nesta ocasión a representación será ás 12:00 da mañá na Aula Municipal de ballet. 

Esperamos contar convosco.

mércores, 19 de decembro de 2018

Musicreques edita un dos seus contos

Despois de moito traballo e, tras moitos nervios e ilusión, podémosvos comunicar que temos por fin nas nosas mans a versión editada do conto "A tola de Lola". 

Escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán é un claro exemplo dos contos que forman parte do Contacontos Musical de Musicreques.

A tola de Lola. Un conto de Musicreques
"...Lola é unha vaca moi tola que sempre está a pensar en como pode axudar. Mais non sempre as suas eleccións son as melhores opcións..."

En que problemas vaise meter a tola de Lola? Se queredes saber a resposta e ter algún exemplar do conto non dubidedes en consultarnos!

sábado, 15 de decembro de 2018

Unha nova representación de Musicreques este domingo

Despois da actuación o pasado domingo en O Carballiño, e a de onte no Ceip Almirante Juan de Lángara (Ferrol), estámonos a preparar para a representación de mañá dentro do programa de actividades no Nadal do Concello de A Baña. 

As aventuras de Quebranoces foi o noso primeiro espectáculo de monicreques e ten sempre moi boa acollida. O fermoso conto de Hoffmann interpretado coa música en directo da Suite "O Quebranoces" de Tchaikovsky é sempre un espectáculo máxico no que disfrutamos un montón. 

E quen mellor que a Fada de Azucre para traer a maxia ao monicreque de Quebranoces? Con ela o pequeno boneco quebra-noces transfórmase nun valente soldadiño que loitará co Rei Rato e viaxará por todo o mundo vivindo grandes aventuras.

A Fada de Azucre é un dos monicreques que aparecen no conto musical de Musicreques "As aventuras de Quebranoces"
A cita é ás 16:00 na Casa da Cultura. Vinde a gozar connosco!

venres, 7 de decembro de 2018

A cadea SER entrevistou a Musicreques

Hoxe, na cadea SER fixéronnos unha entrevista co gallo da actuación de Musicreques o próximo domingo en O Carballiño. Terá lugar no Auditorio Municipal ás 11:30. Se queredes escoitar a entrevista pinchade aquí.

O espectáculo que imos facer o domingo é O Quebranoces para bebés. O coñecido conto de Hoffmann coa fermosa música da Suite "O Quebranoces" de Tchaikovsky en directo, interpretado con monicreques sobre mesa, luces, cores, pompas, etc,  que farán gozar ao rapaciños entre 0 e 3 anos.
O Quebranoces para bebés de Musicreques

xoves, 6 de decembro de 2018

Outro video do Quebranoces en Youtube

O prometido é débeda. Tal e como vos adiantamos noutro post, temos outro video dos nosos monicreques dispoñible na canle de Musicreques en Youtube e, nesta ocasión, o protagonista é Quebranoces. 

Poderá axudar a Clara o valente soldadiño coa decoración da árbore de Nadal ou será mellor que non faga nada? Se queredes ter a resposta teredes que ver o video ata o final. 

Esperemos que vos guste!


sábado, 1 de decembro de 2018

Un Decembro cheo de actuacións

Tralas últimas actuacións en Ferrol e Nogueirosa (Pontedeume), Musicreques disponse para ter un Decembro cheo de compromisos cos máis meniños. Dende O Carballiño ata Riveira, pasando por Ferrol, Curtis ou A Baña, todos os espectáculos de Musicreques terán lugar neste máxico mes.


Non deixedes de seguirnos en Facebook para estar ao tanto dos lugares e horas das actuacións!!