mércores, 26 de decembro de 2018

Actuacións de Musicreques este Nadal en Curtis e Riveira

Nesta semana de vacacións de Nadal Musicreques ten previstas dúas actuacións. 

O venres 28, representaremos o conto musical con monicreques Iván e o lobo gris dentro da programación de Nadal do Concello de Curtis. A actuación será ás 17:00 no Edificio Multiusos.


O sábado 29 viaxaremos ata Riveira para compartir cos rapaciños o espectáculo para bebés O Quebranoces. Nesta ocasión a representación será ás 12:00 da mañá na Aula Municipal de ballet. 

Esperamos contar convosco.

mércores, 19 de decembro de 2018

Musicreques edita un dos seus contos

Despois de moito traballo e, tras moitos nervios e ilusión, podémosvos comunicar que temos por fin nas nosas mans a versión editada do conto "A tola de Lola". 

Escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán é un claro exemplo dos contos que forman parte do Contacontos Musical de Musicreques.

A tola de Lola. Un conto de Musicreques
"...Lola é unha vaca moi tola que sempre está a pensar en como pode axudar. Mais non sempre as suas eleccións son as melhores opcións..."

En que problemas vaise meter a tola de Lola? Se queredes saber a resposta e ter algún exemplar do conto non dubidedes en consultarnos!

sábado, 15 de decembro de 2018

Unha nova representación de Musicreques este domingo

Despois da actuación o pasado domingo en O Carballiño, e a de onte no Ceip Almirante Juan de Lángara (Ferrol), estámonos a preparar para a representación de mañá dentro do programa de actividades no Nadal do Concello de A Baña. 

As aventuras de Quebranoces foi o noso primeiro espectáculo de monicreques e ten sempre moi boa acollida. O fermoso conto de Hoffmann interpretado coa música en directo da Suite "O Quebranoces" de Tchaikovsky é sempre un espectáculo máxico no que disfrutamos un montón. 

E quen mellor que a Fada de Azucre para traer a maxia ao monicreque de Quebranoces? Con ela o pequeno boneco quebra-noces transfórmase nun valente soldadiño que loitará co Rei Rato e viaxará por todo o mundo vivindo grandes aventuras.

A Fada de Azucre é un dos monicreques que aparecen no conto musical de Musicreques "As aventuras de Quebranoces"
A cita é ás 16:00 na Casa da Cultura. Vinde a gozar connosco!

venres, 7 de decembro de 2018

A cadea SER entrevistou a Musicreques

Hoxe, na cadea SER fixéronnos unha entrevista co gallo da actuación de Musicreques o próximo domingo en O Carballiño. Terá lugar no Auditorio Municipal ás 11:30. Se queredes escoitar a entrevista pinchade aquí.

O espectáculo que imos facer o domingo é O Quebranoces para bebés. O coñecido conto de Hoffmann coa fermosa música da Suite "O Quebranoces" de Tchaikovsky en directo, interpretado con monicreques sobre mesa, luces, cores, pompas, etc,  que farán gozar ao rapaciños entre 0 e 3 anos.
O Quebranoces para bebés de Musicreques

xoves, 6 de decembro de 2018

Outro video do Quebranoces en Youtube

O prometido é débeda. Tal e como vos adiantamos noutro post, temos outro video dos nosos monicreques dispoñible na canle de Musicreques en Youtube e, nesta ocasión, o protagonista é Quebranoces. 

Poderá axudar a Clara o valente soldadiño coa decoración da árbore de Nadal ou será mellor que non faga nada? Se queredes ter a resposta teredes que ver o video ata o final. 

Esperemos que vos guste!


sábado, 1 de decembro de 2018

Un Decembro cheo de actuacións

Tralas últimas actuacións en Ferrol e Nogueirosa (Pontedeume), Musicreques disponse para ter un Decembro cheo de compromisos cos máis meniños. Dende O Carballiño ata Riveira, pasando por Ferrol, Curtis ou A Baña, todos os espectáculos de Musicreques terán lugar neste máxico mes.


Non deixedes de seguirnos en Facebook para estar ao tanto dos lugares e horas das actuacións!!


sábado, 24 de novembro de 2018

Novo video de Musicreques en Youtube

Despois da boa acollida que tivemos do video de Baba Yaga polo Samaín, resolvemos publicar de cando en vez algún outro video dos nosos monicreques tanto na nosa canle de Youtube como na nosa páxina de Facebook

Desta vez tocoulle a Iván. O protagonista do conto Iván e o lobo gris. Esperamos que vos guste!!


Síguenos en Facebook

sábado, 10 de novembro de 2018

En Novembro actuaremos en Pontedeume e Ferrol

Este mes de Novembro faremos tres representacións do noso Contacontos Musical nos Concellos de Ferrol e Pontedeume. 

Contacontos Musical de Musicreques

O venres 16 e o mércores 28 serán representacións para escolares nos Ceip. San Xoan de Filgueira de Ferrol, en primeiro lugar, e despois no Ceip de Andrade de Pontedeume, así que non están abertas ao público en xeral. Mais o sábado 17 achegarémonos ata a parroquia de Nogueirosa, en Pontedeume, para celebrar o Magosto invitadas pola A.V.V. Nogueirosa. A actuación será no local social da Asociación ás 19:00 e a entrada é libre e gratuita.

Esperamos ter moitos rapaciños dispostos gozar dos nosos contos e a cantar connosco. Volo ides perder?



venres, 2 de novembro de 2018

Visitade a canle de Musicreques en Youtube

Sabedes que temos unha canle en Youtube? Alí podedes atopar varios videos dos nosos espectáculos e algunhas cancións para os rapaciños.

Recentemente engadimos un pequeno video no que a bruxa Baba Yaga felicita o Samaín. Non volo perdades!


sábado, 27 de outubro de 2018

A música do noso Contacontos Musical

Un dos espectáculos que máis andamos a representar esta temporada e o Contacontos musical, no que os rapaces poden gozar de sete contos diferentes, alguns para ler, outros para cantar, contar, descubrir, ou simplemente para rir. Dende "A galiña Carmiña", "Contamos emocións"ou "Pío e Pía" que son para os máis pequeniños, ata "O caracol viaxeiro", "A tola de Lola" ou "A chicharra Dora", "A lanchiña do flamenco" ou "Antón o camaleón", todos eles mesturan texto e música.

O emprego da música de piano en directo reforza o contido de cada pasaxe dos contos, polo que empegamos moitas e diferentes composicións, xeralmente de compositores clásicos mais tamén propias, en cada un deles. 

Algunas das pezas clásicas que se poden escoitar no Contacontos son:

Peacherine Rag (fragmento) de Scott Joplin
O granxeiro feliz (fragmento) de Robert Schumann
Hemiones (fragmento) de Saint Saens
Estudo Arabesque Burgmüller
Vals nº 15 Op. 39 (fragmento) de Brahms
Clair de Lune (fragmento) de Debussy
Vals en la menor B 150 de Chopin
Gymnopédie nº 1 de Satie
Pules et coqs  (fragmento) de Saint Saens
Knecht Ruprecht (fragmento) do Album da Xuventude Op. 68 de Schumann
Pieza nº 1 (fragmento) de Escenas de nenos de Schumann
Tarantella (fragmento) de A. Pieczonka
2º mov. (fragmento) da Sonata en Do maior K 545 de Mozart
Elite Syncopations (fragmento) de Scott Joplin
Träumerei de Escenas de nenos (fragmento) de Schumann
Morgenstimmung Op 46 (fragmento) de Grieg
Tiritomba Popular Italiana

Animámosvos a que as busquedes e as escoitedes. Son verdadeiras marabillas!! Para mostra este fermoso Vals de Chopin que se pode escoitar en "Pío e Pía". Chopin Vals en La. m


martes, 23 de outubro de 2018

Comezamos a andaina polos coles

Este venres 26 de Outubro comezamos, polos coles de Ferrol, a nosa actividade de dinamización da lectura e fomento da música. Será un venres de cada mes no que Musicreques desprazarase aos centros educativos para representar o Contacontos Musical.

O colexios participantes nesta actividade sen ánimo de lucro son os seguintes:

   *  Outubro: CEIP Cruceiro de Canido
   *  Novembro: CEIP Plurilingüe San Xoan de Filgueira
   *  Decembro: CEIP Almirante Juan de Lángara
   *  Xaneiro: CEIP de Ponzos
   *  Febreiro: CEIP a Laxe
   *  Marzo: CEIP Isaac Peral
   *  Abril: CEIP de Esteiro
   *  Maio: aínda por determinar

A actuación deste venres será para 109 escolares de Infantil, que poderán gozar coas aventuras de "A tola de Lola", "Pío e Pía", "O caracol viaxeiro", "A chicharra Dora", "A lanchiña do flamenco", "A galiña Carmiña" e "Contamos emocións".

sábado, 13 de outubro de 2018

Podedes seguir a Musicreques no Facebook

Coñecedes a nosa páxina de Facebook?


No Facebook, ademáis de compartir as novas que colgamos no blog, tamén informamos dos cambios de datas nas actuacións, novos proxectos, etc. Se quererdes estar á ultima da actividade de Musicreques e non perdervos nada, recomendámosvos que vos fagades seguidores.

Adiantámosvos que pronto compartiremos novas dun novo proxecto de Musicreques. Esperamos que vos guste tanto como os anteriores!


martes, 9 de outubro de 2018

Imos colaborar co Conservatorio Xan Viaño de Ferrol na dinamización da música e a lectura

O Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol e a Asociación Musical Musicreques acaban de concretar un programa de actuacións nos colexios de Ferrol para o presente curso lectivo. É un programa de fomento da música e dinamización da lectura que orgañizan conxuntamente os equipos de Normalización lingüística, Biblioteca e Convivencia do CMUS Xan Viaño xunto coa nosa Asociación.

A actividade que se vai realizar é o Contacontos musical nas datas de:

   26 de Outubro
   16 de Novembro
   14 de Decembro
   25 de Xaneiro
   15 de Febreiro
   15 de Marzo
   5 de Abril
   24 de Maio

O contacontos realizarase nos propios centros educativos sen custo ningún para os colexios nin para o CMUS Xan Viaño, dentro da actividade sen ánimo de lucro da Asociación Musical Musicreques.


Esperamos que os nenos o pasen fenomenal!!

Se queredes estar informados podédesnos seguir a través da nosa páxina de Facebook!

domingo, 7 de outubro de 2018

Moitos nenos viñeron ao Contacontos Musical das festas de San Froilán

Onte os rapaciños de Lugo o pasaron xenial nas festas do San Froilán con Musicreques. Estiveron moi atentos e participaron dando palmas, cantando e amosando os seus coñecementos dos distintos ecosistemas.




Encantounos actuar nesta festa tan emblemática de Lugo e esperamos voltar!

venres, 28 de setembro de 2018

O Contacontos musical no San Froilán

Compartimos con vós o cartel do San Froilán Miúdo titulado “Los pulpos bailan con elegancia” da autora Alba Bueno Prieto, para informarvos da actuación de Musicreques o próximo día 6 de Outubro co Contacontos Musical.


A actuación de Musicreques será á 13:00 no Patio do Edificio Administrativo do Concello. 

Non vos perdades as aventuras de Lola, Antón o camaleón, a galiña Carmiña, o caracol viaxeiro... e vinde gozar e cantar con nós!

martes, 18 de setembro de 2018

Musicreques visitará Cariño e Lugo próximamente

Rematadas as vacacións de verán, Musicreques comeza de novo a súa actividade.

O próximo día 27 de Setembro poderédesnos atopar no Concello de Cariño co noso Contacontos Musical que está incluído dentro do programa "Ler contra moito". A actuación será ás 12:00 na Biblioteca Pública Municipal.

Contacontos Musical

E en Outubro viaxaremos ata Lugo para participar no San Froilán Miúdo. Ata pronto!

venres, 27 de xullo de 2018

Contacontos Musical en Boimorto

Entre 40 e 50 rapaciños asistiron onte á representación do Contacontos Musical en Boimorto que tivo lugar a través da Rede Cultural da Deputación de A Coruña. Por mor do mal tempo a actuación realizouse na Casa da Cultura e non no Campo do Rosario, como estaba previsto inicialmente.

Os rapaces, así como tamén as suas nais e pais, gozaron e participaron dos distintos contos, algúns para descubrir, outros para sentir e tamén para ler, cantar ou interpretar. Ademáis, tivemos a inestimable axuda de dous simpáticos rapaces, Marco e Lois, e unha rapaza, Mabel, que representaron maxistralmente o conto de Antón o camaleón.

Foi un tracer visitar Boimorto por primeira vez e esperamos poder voltar pronto con outro dos nosos espectáculos.

martes, 3 de xullo de 2018

Musicreques na semana cultural de Boimorto

O Concello de Boimorto contou con Musicreques para participar na Semana Cultural que se celebrará do 23 ao 27 de Xullo.


O día 26, ás 20:00 horas Musicreques representará o seu Contacontos Musical no Campo do Rosario. En caso de que faga mal tempo a actividade será na Casa da Cultura.

xoves, 21 de xuño de 2018

Boas críticas para Musicreques en Carballo

Onte actuamos na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo co noso Contacontos musical para un montón de nenos e obtendo moi bos comentarios. Podédelos ler no facebook das Bibliotecas de Carballo  ou no Blog do programa Ler conta moito.

"...O cantacontos de hoxe non deixou a ninguén indiferente. "Musicreques, un cantacontos musical" ou un novo xeito de introducir aos nen@s á lectura e e unha nova maneira de estimular a súa imaxinación e o seu crecemento. Música, rimas, ilustracións, cancións e todo aquilo que precisan para deixar voar a súa imaxinación ... Quen dixo que a música, a ilustración, a teatralidade e a lectura eran icompatibles? Para mostra, un botón..." (texto de Facebook)

Facebook: Bibliocarballo
Blog de Ler conta moito: Musicreques na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo

A nosa alegría pola boa aceptación e críticas do noso espectáculo: Contacontos Musical, víuse empañada por algúns erros que aparecen no blog de Ler conta moito e que estamos a intentar solucionar canto antes.

No listado de Ler conta moito o espectáculo de Musicreques aparece como Cantacontos cando debería aparecer coma un Contacontos. Non é exactamente o mesmo, e non nos gustaría que algún programador ou Concello non obtivera pola nosa parte o que esperan. No noso espectáculo hay contos cantados, pero outros non son cantados senón contados... temos tamén rimas, palmas e un montón de música.

Por outra banda, semella que en Carballo non teñen moi claro que o nome da compañía é Musicreques e falan da Asociación Cultural Tres por catro que é a Asociación cultural do noso representante "Musicarte".

Esperamos poder solucionar estes erros do listado para que os Concellos teñan claro quen fai o espectáculo e en que consiste.

martes, 19 de xuño de 2018

Musicreques na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo

Mañá mércores estaremos na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo ás 17:00 para facer o noso Contacontos Musical para bebés dentro do programa Ler conta moito.

As Musicreques, coa galiña Carmiña, Pio e Pia, o flamenco na súa lanchiña, Dora e os demáis, estamos moi felices de visitar aos rapaciños de Carballo para contarlles moitos contos. 

*  Será quen Antón de pillar unha mosca? 
*  Que animáis van viaxar na lanchiña do flamenco? 
*  Nacerá o pitiño de Carmiña?

Se querelles coñecer as respostas a estas preguntas teredes que vir ao contracontos. Esperámosvos!!


sábado, 16 de xuño de 2018

Un vals das flores moi especial

A actuación que fixemos onte en Ponteceso foi moi especial para nós, non só polo ben que o pasamos, senon polo fantástico peche que fixeron os rapaciños da Escola Municipal de Danza, Sheila e Xurxo, bailando o Vals das flores de Tchaikovsky. Lamentamos non poder poñer fotos deles por non ter os permisos necesarios, pero aquí tedes unhas poucas cos nosos monicreques.


Alégranos moito saber que o público grande e miúdo gozou da música, do teatro, da danza, e da maxia dos contos, todo xunto nunha tarde fantástica.


Moitas grazas a Julia e a Carlos, do Concello, pola súa implicación coa cultura e o seu bo facer. Esperamos volver pronto!

xoves, 14 de xuño de 2018

Musicreques viaxa de Negreira a Ponteceso

Trala actuación o martes pasado na Escola Municipal Infantil de Negreira co noso Contacontos, Musicreques estase agora a preparar para a representación de mañá en Ponteceso. 

O espectáculo que poderán ver os rapaciños este venres será As aventuras de Quebranoces.


Gozaremos do conto de Hoffmann e viaxaremos por Rusia, Exipto e China coa maravillosa música da Suite de Tchaikovsky. Mais eso non vai ser todo.... tamén teremos un fantástico broche final coa participación da Escola Municipal de Danza de Ponteceso. Os alumnos Sheila Villar Gómez e Xurxo Pena Vázquez bailarán o Vals das flores cunha coreografía da profesora Paloma Pere-Colomer.

De seguro vai ser un momento máxico!

Deixámosvos unhas poucas fotos da actuación do noso Contacontos o martes. 



domingo, 27 de maio de 2018

O próximo venres estaremos en Coirós

O próximo venres 1 de Xuño visitaremos pola mañán o concello de Coirós para representar Iván e o lobo gris. É unha actuación para escolares solicitada a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Este mes será tamén ocasión para compartir co público de Ponteceso As aventuras de Quebranoces, e co de Negreira e Carballo o noso Contacontos musical para bebés. 

Contos, música, monicreques.... un Xuño cheo de fantasía e maxia que fará gozar aos rapaces. 

Contamos convosco!



luns, 14 de maio de 2018

Gran afluenza de público no Quebranoces para bebés

É a segunda vez que vistamos Narón para representar O Quebranoces e alégranos dicir que houbo tanto interese por asistir ao noso espectáculo que, o pasado venres, uns cuarenta bebés e os seus pais encheron o local social de San Xiao.

Aquí vai unha mostra do que se puido ver:




A seguinte parada de Musicreques será o día 1 de Xuño en Coirós. Esperámosvos!

xoves, 10 de maio de 2018

O Quebranoces no programa Apego en Narón

O venres 11 de maio, ás 18:00, Musicreques representará o seu Quebranoces para bebés no centro cívico social de San Xiao en Narón. Poderán asistir un máximo de 25 nen@s, que irán acompañad@s de, como mínimo, unha persoa adulta.

A actividade é de balde, mais precisa inscrición previa a través de:   a.pita@naron.es

Na inscrición deben aparecer os seguintes datos:
nome da actividade
nome e idade do neno ou nena
nome da nai, pai ou persoa acompañante
enderezo electrónico
teléfono de contacto


Esperámosvos!

luns, 23 de abril de 2018

Problemas coa conta de hotmail

Estamos a ter problemas coa conta de correo de hotmail polo que nos preocupa que queirades poñervos en contacto con nós e non podades.

Recomendámosvos que empreguedes as outras contas de correo alternativas que vos deixamos a continuación:

loretoperezsanchez@yahoo.es
loretoperezsanchez2004@gmail.com

Sentimos as molestias.

Próxima actuación en Ponteceso

O Concello de Ponteceso cambiou a data da nosa actuación coas "As aventuras de Quebranoces", que tiñamos prevista nun principio para o 4 de maio, para o día 15 de xuño. 

O cambio vai ser para ben porque, á proposta do Concello, estamos a preparar unha sorpresa para o público que seguro lle vai gustar! De momento non vos adiantamos nada máis pero, se estades atentos ás nosas publicacións, darémosvos máis datos próximamente!

Quebranoces e Clara están a desexar sair outra vez de viaxe polo mundo.

domingo, 15 de abril de 2018

Os nenos cos nosos monicreques

Nas últimas actuacións tivemos moitísmos nenos que quixeron achegarse aos monicreques para velos de preto, tocalos e sacarse unha foto con eles.  Sempre é un momento máxico ver as suas cariñas cando por fin teñen os monicreques ao seu alcance e a nós gústanos moito poder ter a ocasión de preguntarlles cal é a súa personaxe preferida.


Debido á grandísima demanda de fotos e para evitar problemas co espazo ou material da escena, nas próximas ocasións levaremos os monicreques ata a porta para que os rapaces poidan despedirse dos protagonistas do conto, velos e sacarse unha foto con eles.


Non faltedes!



venres, 6 de abril de 2018

Novas actuacións de Musicreques

Nos próximos sábados de abril Musicreques levará o seu espectáculo de Iván e o lobo gris ata Mesoiro e Riveira.

Mañá, sábado 7 a representación terá lugar no Centro Cívico Novo Mesoiro ás 12:00.


O sábado 14 participaremos na XI mostra de Títeres "Ti-Ti ritando de emoción" do Concello de Riveira. 
O espectáculo de títeres comezará ás 19:00 da tarde.


Esperámosvos!


venres, 2 de febreiro de 2018

Un gran día da Paz para Musicreques

O martes estivemos de novo no Ceip. Mesón do Vento, catro anos despois de visitalo por primeira vez, para representar Iván e o lobo gris.

Foi un día fantástico. Todos os profes foron moi amables con nós e os rapaces disfrutaron tanto do espectáculo que riron a gargalladas, cantaron a viva voz e axudaron activamente a que o espectáculo chegara o bon fin. 

Tamén tivemos a sorte de contar cos integrantes de Habilidades Sociales de Ordes que asistiron ao espectáculo invitados polo colexio e que nos transmitiron a súa alegría por estar alí e gozar das aventuras de Iván.

Moitas grazas ao Ceip Mesón do Vento por nos amosar estes anos o seu interese para que voltásemos ao seu centro, e especialmente a Cristina, coordinadora da biblioteca do Ceip. Mesón do Vento, por toda a súa axuda.

Vos deixamos o enlace a súa páxina web por se vos interesa ver os seu comentario sobre a nosa actuación. 

mércores, 24 de xaneiro de 2018

Musicreques visitará o Ceip Mesón do Vento

Despois da actuación a primeiros de este mes en Pontedeume, na que fixemos dúas sesións, unha para bebés co Quebranoces e outra para rapaciños algo máis maiores, con Iván e o lobo gris, Musicreques ponse en marcha de novo para achegar aos rapaces a música e o teatro de monicreques.

O vindeiro martes 30 de Xaneiro, día da Paz, visitaremos de novo o Ceip Mesón do Vento, no que xa estivemos no 2014. Os rapaciños de este cole xa coñecen As aventuras de Quebranoces, mais o próximo martes coñecerán tamén a Iván, ao lobo gris, ao paxaro, a rá e, por suposto, a malvada bruxa Baba Yaga. Gozarán dun fantástico conto de aventuras, amizade e maxia no que o poder da música será quen de vencer todos problemas. Estamos a desexar que chegue o día...

Deixámosvos aquí tamén unha imaxe da actuación en Pontedeume.