Amosando publicacións coa etiqueta As aventuras de Quebranoces. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta As aventuras de Quebranoces. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de maio de 2019

Musicreques en Cultura no Camiño

Musicreques participa no programa "Cultura no Camiño" de Agadic con tres espectáculos de monicreques para público infantil e familiar.

Hai dous espectáculos para nenos entre 3 e 10 anos Iván e o lobo gris e As aventuras de Quebranoces, e un espectáculo para bebés O Quebranoces. Todos eles con fermosa música de piano interpretada en directo.


domingo, 10 de marzo de 2019

Espectáculos na Rede Cultural

O próximo mércores remata o prazo de solicitudes para a contratación dos nosos espectáculos na Rede Cultural da Deputación de A Coruña. Aínda estades a tempo se vos interesa. 😊

Temos tres espectáculos de monicreques que podedes atopar na categoría de Teatro-infantil (por un erro non aparecemos en Teatro-monicreques) e un espectáculo de Contacontos (que si está ben clasificado) na categoría de Teatro-Contacontos. Todos eles con música de piano en directo.
 🎼🎼🎹🎹

Teatro-infantil ( de monicreques)
1. As aventuras de Quebranoces
2. Iván e o Lobo gris
3. O Quebranoces (espectáculo para bebés)

Teatro-Contacontos
1. Contacontos Musicais

Podedes atopar toda a información sobre estos espectáculos neste blog nas pestañas de Espectáculos de monicreques e Contacontos.

martes, 26 de febreiro de 2019

Musicreques está na Rede Cultural de A Coruña

Co gallo da apertura mañá do prazo de contratación para a Rede Cultural da Deputación de A Coruña, compartimos convosco o video dun dos nosos espectáculos en cartel, O Quebranoces.


Ademáis deste espectáculo (para bebés), tamén temos disponible na Rede Cultural outros dous contos musicais con monicreques, para nenos de tres a 12 anos.

Iván e o lobo gris (unha historia de aventuras polo bosque con música de A. Dvorak)

As aventuras de Quebranoces (o conto clásico de Hoffmann coa fermosa música de P. I. Chaikovsky)


Se queredes estar ao día da nosa actividade Síguenos en Facebook!

sábado, 15 de decembro de 2018

Unha nova representación de Musicreques este domingo

Despois da actuación o pasado domingo en O Carballiño, e a de onte no Ceip Almirante Juan de Lángara (Ferrol), estámonos a preparar para a representación de mañá dentro do programa de actividades no Nadal do Concello de A Baña. 

As aventuras de Quebranoces foi o noso primeiro espectáculo de monicreques e ten sempre moi boa acollida. O fermoso conto de Hoffmann interpretado coa música en directo da Suite "O Quebranoces" de Tchaikovsky é sempre un espectáculo máxico no que disfrutamos un montón. 

E quen mellor que a Fada de Azucre para traer a maxia ao monicreque de Quebranoces? Con ela o pequeno boneco quebra-noces transfórmase nun valente soldadiño que loitará co Rei Rato e viaxará por todo o mundo vivindo grandes aventuras.

A Fada de Azucre é un dos monicreques que aparecen no conto musical de Musicreques "As aventuras de Quebranoces"
A cita é ás 16:00 na Casa da Cultura. Vinde a gozar connosco!

xoves, 6 de decembro de 2018

Outro video do Quebranoces en Youtube

O prometido é débeda. Tal e como vos adiantamos noutro post, temos outro video dos nosos monicreques dispoñible na canle de Musicreques en Youtube e, nesta ocasión, o protagonista é Quebranoces. 

Poderá axudar a Clara o valente soldadiño coa decoración da árbore de Nadal ou será mellor que non faga nada? Se queredes ter a resposta teredes que ver o video ata o final. 

Esperemos que vos guste!


sábado, 1 de decembro de 2018

Un Decembro cheo de actuacións

Tralas últimas actuacións en Ferrol e Nogueirosa (Pontedeume), Musicreques disponse para ter un Decembro cheo de compromisos cos máis meniños. Dende O Carballiño ata Riveira, pasando por Ferrol, Curtis ou A Baña, todos os espectáculos de Musicreques terán lugar neste máxico mes.


Non deixedes de seguirnos en Facebook para estar ao tanto dos lugares e horas das actuacións!!


sábado, 16 de xuño de 2018

Un vals das flores moi especial

A actuación que fixemos onte en Ponteceso foi moi especial para nós, non só polo ben que o pasamos, senon polo fantástico peche que fixeron os rapaciños da Escola Municipal de Danza, Sheila e Xurxo, bailando o Vals das flores de Tchaikovsky. Lamentamos non poder poñer fotos deles por non ter os permisos necesarios, pero aquí tedes unhas poucas cos nosos monicreques.


Alégranos moito saber que o público grande e miúdo gozou da música, do teatro, da danza, e da maxia dos contos, todo xunto nunha tarde fantástica.


Moitas grazas a Julia e a Carlos, do Concello, pola súa implicación coa cultura e o seu bo facer. Esperamos volver pronto!

xoves, 14 de xuño de 2018

Musicreques viaxa de Negreira a Ponteceso

Trala actuación o martes pasado na Escola Municipal Infantil de Negreira co noso Contacontos, Musicreques estase agora a preparar para a representación de mañá en Ponteceso. 

O espectáculo que poderán ver os rapaciños este venres será As aventuras de Quebranoces.


Gozaremos do conto de Hoffmann e viaxaremos por Rusia, Exipto e China coa maravillosa música da Suite de Tchaikovsky. Mais eso non vai ser todo.... tamén teremos un fantástico broche final coa participación da Escola Municipal de Danza de Ponteceso. Os alumnos Sheila Villar Gómez e Xurxo Pena Vázquez bailarán o Vals das flores cunha coreografía da profesora Paloma Pere-Colomer.

De seguro vai ser un momento máxico!

Deixámosvos unhas poucas fotos da actuación do noso Contacontos o martes. 



domingo, 27 de maio de 2018

O próximo venres estaremos en Coirós

O próximo venres 1 de Xuño visitaremos pola mañán o concello de Coirós para representar Iván e o lobo gris. É unha actuación para escolares solicitada a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Este mes será tamén ocasión para compartir co público de Ponteceso As aventuras de Quebranoces, e co de Negreira e Carballo o noso Contacontos musical para bebés. 

Contos, música, monicreques.... un Xuño cheo de fantasía e maxia que fará gozar aos rapaces. 

Contamos convosco!



luns, 23 de abril de 2018

Próxima actuación en Ponteceso

O Concello de Ponteceso cambiou a data da nosa actuación coas "As aventuras de Quebranoces", que tiñamos prevista nun principio para o 4 de maio, para o día 15 de xuño. 

O cambio vai ser para ben porque, á proposta do Concello, estamos a preparar unha sorpresa para o público que seguro lle vai gustar! De momento non vos adiantamos nada máis pero, se estades atentos ás nosas publicacións, darémosvos máis datos próximamente!

Quebranoces e Clara están a desexar sair outra vez de viaxe polo mundo.

martes, 15 de decembro de 2015

O Quebranoces e o Nadal

Coñecedes o conto do Quebranoces? Verdade que é un fantástico conto para esta época de Nadal? Pois agora imaxinádeo ca fermosa música da Suite de Tchaikovsky soando mentras gozades cas "Aventuras de Quebranoces" da man dos nosos monicreques.




Por cuestións familiares este Nadal non poderedes atopar a Musicreques nos escenarios, pero voltaremos pronto á actividade. Non deixedes de estar atentos ao blog ou ao noso facebook para coñecer todas as novidades.

xoves, 10 de setembro de 2015

Musicreques remata as vacacións

Ola a todos. Rematou o noso tempo de descanso e moi pronto Musicreques voltará aos escenarios para divertir ca súa música e os seus monicreques a pequenos e maiores!

Estade atentos porque en breve publicaremos as datas e lugares das próximas actuacións. 



xoves, 16 de abril de 2015

Actuacións de Musicreques no programa "Ler conta moito"

Dentro do programa "Ler conta moito" das Bibliotecas públicas de Galicia, Musicreques ten previstas este 2015 varias actuacións:

O pasado 27 de marzo tocoulle a quenda á Biblioteca Nodal de Lugo onde representamos "As aventuras de Quebranoces" con moito éxito de público e críticas.

Este sábado, 18 de abril,  ás 12:00 estaremos no CSC de Fontiñas, levando o espectáculo do Quebranoces á Biblioteca pública José Saramago de Santiago de Compostela.

O 24 de abril viaxaremos ata Cariño onde a nosa actuación terá lugar ás 11:00 na Casa da Cultura.

O 5 de Outubro ás 18:50 "Iván e o Lobo gris" farán as delicias dos rapaces na Biblioteca de Oseiro en Arteixo.

E para rematar as actuacións nas Bibliotecas, Musicreques actuará na Biblioteca de Mugardos o 20 de outubro co espectáculo de "Iván e o Lobo gris".

Contamos convosco!


venres, 2 de xaneiro de 2015

As aventuras de Quebranoces no Festival de Nadal do Concello de Vedra

A actividade de Musicreques non remata co 2014. O próximo domingo 4 de xaneiro estreamos o novo ano 2015 cunha actuación no Concello de Vedra, enmarcada no Festival de Nadal da Asociación Cultural San Campio, que terá lugar na Casa da Cultura de Miguel de Sarandón. A hora prevista da nosa actuación é sobre as 18:15. 


Haberá curtametraxes, panxoliñas, e moitas outras cousas que encantarán aos rapaciños. Quebranoces e os seus amigos van ir. Vascho perder?

Muiscreques rematou o ano 2014 na Biblioteca de Santiago de Compostela

Rematamos o ano 2014 ca actuación do pasado 20 de decembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal onde tivemos unha asistencia de 33 rapaces e 25 adultos que, segundo nos contaron as responsables da Biblioteca, o pasaron fenomenal e valoraron satisfactoriamente a actividade.

Aquí tedes unha foto da actuación dese día aparecida na páxina de facebook da Biblioteca Ánxel Casal co lema: Un bo espectáculo (aínda que na fotografía non se aprecie moito)


A próxima actuación será o día 4 de xaneiro no Concello de Vedra.

xoves, 4 de decembro de 2014

Tivemos moitísimo público na actuación no Graxal en Cambre

A actuación no Centro Sociocultural do Graxal do sábado non puido ir mellor. Tivemos un cheo total de aforo, con moitísimos rapaces e pais que tiveron incluso que sentar no chan ou ficar de pé xa que tódalas cadeiras estaban xa ocupadas. Por se iso fora pouco, alegrounos moito ver entre tódolos asistentes a Emma, Adriana, Nico e Jose. Grazas por vir e por gozar co noso espectáculo!


A verdade é que deu gusto ver as caras de pequenos e maiores durante a representación. Os sorrisos e a participación continua dos pequenos nas distintas escenas motívanos a seguir con noso traballo de compartir a beleza da música e o teatro cos rapaciños. 

O novo equipo de son funcionou ben e estamos contentas da compra pero aínda temos que aprender a lle sacar o máximo partido. Estamos a estudar o libro de instrucións para poder soar o mellor posible. 

Comeza agora a conta atrás para as próximas representacións, que serán moi especiais porque imos deixar descansar un pouquiño a Quebranoces para estrear Iván e o Lobo gris. Terá tan boa acollida este novo espectáculo como o de Quebranoces? Xa vos contaremos...

xoves, 27 de novembro de 2014

Quebranoces en Cambre

Tralas actuacións nos concellos de Cerdido e Cerceda os días 20 e 24 deste mes, para os colexios de Ceip. a Barqueira e Ceip. Celso Emilio Ferreiro, achégase a actuación do sábado en Cambre, no Centro Cultural do Graxal. 

Se todo marcha ben poderemos estrear ese día o novo equipo de son, que esperamos vos guste moito. 

Deixámosvos o link á axenda cultural de Cambre  para que consultedes toda a información. Lembrade que é o sábado 29 ás 19:00!




martes, 11 de novembro de 2014

Musicreques en Arzúa

O pasado domingo Musicreques pechou o VIII Ciclo de Teatro no outono do Concello de Arzúa. 

A actuación foi todo un éxito de público. Con máis de 100 persoas entre rapaciños e rapaciñas de todas as idades, nais, pais e avós, "As aventuras de Quebranoces" fixeron as delicias de grandes e pequenos!

Ao rematar a función moitos pais achegaron aos seus nenos ata o teatrillo para sacarlles fotos cos monicreques. Aquí tedes un par de fotos que nos pasaron da actuación.




Agradecemos moito ao Concello de Arzúa e, especialmente, a Marcos Pampín, todas as facilidades que nos deron para que saíra todo perfectamente. Esperamos voltar pronto!


domingo, 19 de outubro de 2014

Boas críticas para Musicreques das Bibliotecas de Neda e Mugardos

Nas reseñas que fixeron no blog de "Ler conta moito" as Bibliotecas Públicas Municipais de Mugardos e Neda das nosas recentes actuacións, falan de "As aventuras de Quebranoces" como un estupendo espectáculo que encatou a pequenos e maiores! Podedes botarlle un ollo ás reseñas pinchando nos seguintes enlaces.

Reseña da BPM de Mugardos
Reseña da BPM de Neda


mércores, 17 de setembro de 2014

Axenda de actuacións (set-dec 2014)

Como nos estades a preguntar as datas e lugares onde imos estar nos próximos meses, deixámosvos aquí a axenda de actuacións que temos para este derradeiro cuatrimestre do 2014. Lembrade que as datas poden variar e que se poden engadir outras novas actuacións, polo que vos recomendamos seguir a nosa páxina de Facebook xa que ahí teredes a información máis actualizada. 

Setembro
Día 25 ás 12:00. Aula da Cultura de Neda. Representación de As aventuras de Quebranoces no programa "Ler conta moito". Actuación para os nenos de Infantil dos Ceip San Isidro y Ceip de Maciñeira.

Día 25 ás 18:00. Biblioteca Municipal de Mugardos. Representación de As aventuras de Quebranoces no programa "Ler conta moito". Entrada libre.

Novembro
Día 9 ás 18:00. Casa da Cultura de Arzúa. Representación de As aventuras de Quebranoces no "Ciclo de Teatro no Outono". Entrada libre.

Día 20 ás 12:00. Ceip A Barqueira de Cerdido. Representación de As aventuras de Quebranoces para os rapaces do colexio.

Día 24 ás 11:00. Ceip Celso Emilio Ferreiro de A Silva-Cerceda. Representación de As aventuras de Quebranoces para os rapaces do colexio.

Día 29 ás 19:00. Centro Socicultural do Graxal en Cambre. Representación de As aventuras de Quebranoces. Entrada libre.

Decembro
Día 12, hora a determinar. Ceip Couceiro Freijomil de Pontedeume. Representación de Iván e o Lobo gris para os rapaces do colexio.

Día 15 ás 12:00. Ceip de Andrade-Pontedeume. Representación de Iván e o Lobo gris para os rapaces do colexio.

Día 20 ás 12:00. Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Representación de As aventuras de Quebranoces no programa "Ler conta moito". Entrada libre.

Día 28 ou 4 de xaneiro. Día e hora a determinar. Vedra. Representación de As aventuras de Quebranoces. Entrada libre.