Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de Facebook, Instagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.
O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación:
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
No poleiro está o galo
de vistosa crista vermella,
dous agudos espolóns
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro
e o defende dos raposos.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
xunto ao galo, a galiña,
de tamaño máis pequeno
e de plumas de cor ouro,
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo,
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.
Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!
Outro video que poderes ver é o do conto musicado "A galiña Carmiña". Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.
E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.
Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!
Seguídenos nas redes!
Ningún comentario:
Publicar un comentario