As últimas actuacións que realizamos as Musicreques foron nos Concellos de Foz y Aranga cos espectáculos dos Contacontos musicais e O Quebranoces para bebés, onde o público miúdo pasouno xenial e participou moi activamente.
Deixámosvos unhas fotos que compartiu o Concello de Aranga nas súas redes sociais.
Rematamos o mes de Agosto con actuacións nos Concellos de Tordoia e A Baña para a cativada dos campamentos de verán. Os Contacontos Musicais fixeron as delicias dos rapaciños que cantaron connosco todas as cancións mentres gozaban do aire libre. A actuación en A baña foi nun lugar tan bonito que quedará nas nosas lembranzas!
Esperamos volver pronto con otro dos nosos espectáculos.
Estes días Musicreques quere festexar dúas boas novas.
A primeira cousa que estamos a celebrar é que a andanza da nosa compañía de música e monicreques cumpre xa oito anos dende a súa formación. Oito anos de moitas alegrías percorrendo a xerografía galega cos nosos espectáculos de monicreques e contacontos, tocando para a cativada unha morea de música ao piano dos grandes compositores clásicos, como Chopin, Mozart, Debussy, Tchaikovsky, Dvorak, etc..., cantando e bailando coas crianzas, compartindo as nosas historias e os nosos contos e, o que é o mais importante, gozando da ledicia dos nenos e nenas cando actuamos para eles.
A segunda cousa que queremos compartir convosco e que é un gran motivo de celebración para nós, é que Musicreques está a piques de publicar outro conto. "Ramona, a mosca lambona", que tanto gusta á rapazada e a quen lle temos tanto agarimo, vai estar moi pronto dispoñible nos habituais puntos de venda. Esperamos que gocedes da divertida historia e das fermosas ilustracións de Loreto e Alma.
Co gallo destas dúas celebracións ocurrírsenos crear un pequeno xornal de novas sobre os protagonistas dos nosos contacontos. Unhas poucas follas para ler e entreter. Esperamos que vos divirtan tanto como a nós.
Aínda que faltaban uns poucos días para celebrar Santa Icía, Musicreques viaxou ata Carnota, invitadas polo Concello e a Escola de Música, para festexar cos rapaces da vila o día da patrona dos músicos.
O público asistente participou moi activamente e foi un pracer para Alma e Loreto ver o ben que se manexou toda a cativada cantando e seguindo o ritmo das cancións do Contacontos Musicais.
Deixámosvos aquí un par de videos para que o vexades.
Moitas grazas ao Concello de Carnota e a Alianza, profe da Escola de Música, por invitar a Musicreques a compartir os seus contos e a súa música convosco!! E moitas grazas tamén aos pais e mais que seguen a apostar pola cultura levando ás súas crianzas aos teatros e auditorios.
Estamos moi contentas porque xa subímolo video da canción da vaca Lola á nosa canle de Youtube. Esperamos que teña tan boa acollida como cando cantamos e bailamos esa canción en directo nos nosos espectáculos de Contacontos.
Non deixedes de velo video e de darle ao like se vos gusta! E claro, se coñecedes máis rapazada á que lle guste cantar e bailar, compartide o video para que Lola aprenda a bruar!!
O pasado día 10 de outubro Musicreques levou o seu espectáculo de Contacontos Musicais ata o Concello de Bergondo. A representación tuvo lugar no auditorio da Senra pola tarde seguindo tódalas medidas de seguridade axeitadas a estes tempos de pandemia.
O público infantil e familiar mostrouse moi participativo e gozou dando palmas, cantando, resolvendo adiviñas e, como non, gozando especialmente da música e dos contos.
Deixámosvos algunhas fotos do acontecido ese día e esperamos que vos gusten!
Onte, Musicreques viaxou ata o Concello de Sada para representar o Contacontos Musical dentro do programa Ler Conta Moito. A actuación levouse a cabo con tódalas medidas de seguridade necesarias nestes tempo de pandemia, como o uso obragatorio de mascarillas, distancia de seguridade, control do aforo, uso de xeles desinfectantes, etc.
Aínda que o público estaba máis lonxe e era menos do habitual, todo saiu perfectamente e, tanto nenos como maiores, participaron activamente das cancións, coreografías, adiviñas, palmas, etc.
Tivemos unha gran axuda por parte do técnico de luces e son, David, que nos facilitou crear o ambiente axeitado e que se escoitara todo perfectamente ben a pesar de que Loreto usara a súa mascarilla durante o Contacontos Musical.
Moitas grazas ao Concello de Sada por contar connosco. Gustounos moito actuar ahí e esperamos volver pronto con outro dos nosos espectáculos!
A próxima cita será o sábado 10 en Bergondo. Se non vos quederedes pedrer ningunha das nosas actuacións, recomendámosvos que vos fagades seguidores de Musicreques nalgunha das nosas páxinas de Facebook , Instagram ou Youtube.
O próximo sábado día 3 de outubro Musicreques actuará na Casa da Cultura Pintor Lloréns do Concello de Sada. O espectáculo elexido é o Contacontos Musical, co que as crianzas, ademáis de gozar dos contos, poderán cantar, bailar, aprender moitas cousas e tamén coñecer a música de Satie, Chopin, Saint Saens, Brahms e moitos compositores máis.
A cita é ás 18:30 e a entrada gratuita, máis hai que reservar entrada antes de ir porque o aforo é limitado. Non faltedes e veredes que ben o imos pasar!
E se non vos podedes achegar nesta ocasión, non vos preocupedes... porque o sábado 10 viaxaremos ata Bergondo para facer a versión para bebés do Contacontos Musical.
"A lanchiña do flamenco" é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.
Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.
Se aínda non estades subscritos á nosa canle de Youtube non deixedes de facelo se queredes estar ao día das nosas publicacións, porque dende o video de Ramona, a mosca lambona que colgamos a principio deste mes, engadimos un conto musical máis: o conto de "O caracol viaxeiro".
Nel aproveitamos para dar a coñecer aos raparigos a fauna das distintas partes do mundo, dende o deserto ata o ártico, a selva e as fragas, todo isto coa fermosa música do segundo movento (Andante) da Sonata en Do.M K 545 de Mozart.
As ilustracións dos fermosísimos debuxos vectoriais que aparecen no conto as atopamos ná páxina: https://www.freepik.es/fotos-vectores-gratis, e as fotos de animais da páxina: https://pixnio.com/es/
Por outra banda, e polo día do libro do pasado xoves, compartimos tamén nas nosas páxinas de Facebook e Instagram un simpático video que fixeron catro dos nosos pequenos seguidores (Iago, Lois, Leo e Iria) contando e recomendando o noso conto A tola de Lola. Se non coñecedes o conto non deixedes de velo!
Esperamos que estedes todos ben e que o noso traballo vos axude a levar mellor esta difícil situación de confinamento.
Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de Facebook, Instagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.
O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación:
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
No poleiro está o galo
de vistosa crista vermella,
dous agudos espolóns
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro
e o defende dos raposos.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
xunto ao galo, a galiña,
de tamaño máis pequeno
e de plumas de cor ouro,
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo,
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.
Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!
Outro video que poderes ver é o do conto musicado "A galiña Carmiña". Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.
E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.
Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!
Outro ano máis Musicreques participa no programa Ler conta moito das Bibliotecas Públicas de Galicia. Na presente edición poderedes atopar dous dos nosos contacontos con música e monicreques:
os Contacontos Musicais que ten dúas versións (unha para nenos de máis de tres anos e outra para bebés)
A continuación podedes ver unha mostra en fotos dos dous contacontos.
Contacontos Musicais
Contos e Música do ceo, da terra e do mar
Para atopar os nosos contacontos, no programa Ler conta moito, deberán escribir Musicreques no nome de actividade. Alí aparecerán os dous espectáculos.
Esta semana do 20 de xaneiro Musicreques levou os seus Contacontos a tres Concellos diferentes, Montero, Pontedeume e Trazo.
A primeira actuación levouse a cabo en Monfero dentro do programa "Espazo das familias" que ten lugar os luns dende o mes de outubro nas dependencias do CPI Virxe da Cela no Xestal.
Alí representamos o Contacontos Musical na versión para nenos de menos de tres anos. A epidemia de gripe fixo das súas nese Concello e non tivemos moito público, mais as crianzas que viñeron pasárono pipa e o pais quedaron moi contentos, e claro, tamén quedamos contentas nós porque tivera tan boa acollida o nosos Contacontos Musical.
A seguinte parada da semana foi no Ceip de Andrade, en Pontedeume, onde fixemos unha sesión para todos os escolares dos centro, algo máis de 100 alumnos dos cursos de Infantil e Primaria. Alí fixemos os Contos e Música do ceo, da terra e do mar
Este cole é moi especial para nós porque xa levamos motivos anos visitándoo, coñecen todos os nosos espectáculos (agás o de bebés, claro), e recíbennos sempre fantásticamente ben. Os rapaciños e rapaciñas do Andrade cantaron, bateron, recolleron e sobre todo, reciclaron dun xeito admirable. Nótase que a reciclaxe é un tema que están a traballar no colexio! ...e que mellor cousa para continuar ese traballo que gozar dos nosos Contos do ceo, da terra e do mar, nos que o fío conductor é a importancia de coidar o medioambiente e a reciclaxe.
A terceira parada desta semana foi no Ceip Viaño pequeno do Concello de Trazo. Esta actuación estaba prevista para o mes de decembro pero a tivemos que retrasar por mor dun temporal.
O Contacontos Musical foi de novo o espectáculo elexido, mais desta vez na versión para nenos de máis de tres anos. O alumnado do Infantil e primeiro e segundo ciclo de Primaria do Ceip Viaño pequeno gozou de tódolos contos cantando, dando palmas e recoñecendo e contando animáis. Unha gozada ter un público tan implicado no Contacontos.
Agora toca descansar un pouco para preparar novos proxectos. Non vos queremos adiantar nada porque xa se sabe que se o contamos... igual o gafamos! Así que mans á obra e ata pronto!!
Trala actuación do pasado venres na Escola Municipal Infantil do Concello de Abegondo onde representamos o noso Quebranoces para bebés dentro da programación de Nadal do devandito Concello, estámosnos a preparar para a seguinte representación que será este mércores 18 de decembro no Concello de Fene. Nesta ocasión, Musicreques realizará o Contacontos Musical na Biblioteca Pública Municipal.
As estradas están xa esgotadas dende o venres, mais os interesados pódense apuntar nunha lista de agrada no teléfono 981342302 por se alguén se da de baixa.
Compartimos convosco algunhas fotos do Quebranoces en Abegondo onde os rapaciños estiveron moi atentos e participativos.
Despois da cita en Fene, poderédesnos atopar o sábado 21 en Trazo! Volo ides perder?
Este venres 25 de Outubro visitamos Narón, invitadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello, para facer unha sesión dobre do Contacontos Musical para bebés dentro do Programa Apego.
A primeira sesión tuvo lugar ás 17:00 e a segunda ás 18:15 no Local Social "Os Irmandiños" do Val. Encheuse o aforo nas dúas sesións xa que asistiron ao redor de uns 40 bebés acompañados dos seus pais, en cada unha delas.
Todos, maiores e pequenos, pasámolo pipa cos contos, cantando, dando palmas, facendo as coreografías e gozando dos monicreques. Ao rematar o Contacontos, moitos rapaciños achegáronse ata o escenario para que o paxariño Pío lles peteirase na man e foi moi bonito ver as súas caras cheas de ilusión.
Aquí tedes algunhas imaxes do Contacontos para bebés deste venres.
As próximas actuacións serán nos Concellos de Coirós e Cedeira. Vémonos!
O pasado mércores 15 e o xoves 16 visitamos dous centros educativos co gallo do día das Letras Galegas para celebrar a nosa língua co espectáculo Contacontos Musical, e alucinamos coa participación dos escolares do Ceip Ponte Carreira do Concello de Frades e do Ceip Oza dos Ríos do Concello Oza-Cesuras.
A participación no contacontos por parte dos rapaciños é sempre moi activa, mais nesta ocasión á segunda vez que os rapaces escoitaban unha melodía... xa a estaban a cantar!! Repetiron todo o que lles soaba, respostaron ás preguntas, resolveron as adiviñas e incluso cantaron o que non adoita cantar o público. Que ben o pasamos!
O próximo mércores 22 viaxaremos ata Valdoviño para visitar un cole que xa nos ten acollido con agarimo en ocasións anteriores, o Cpi de Atios.
O Concello de Irixoa convidounos a celebrar o día do Libro o próximo luns 29 de abril. Farémolo levandolles o noso Contacontos Musical na versión para bebés. Será ás 12:00 da mañá na Biblioteca Municipal.
Os próximos compromisos levarannos ata Frades, Oza-Cesuras e Valdoviño. Se vos interesa, podedes seguir a nosa actividade en Facebook.
Acabamos de subir á nosa canle de Youtube o conto de "A chicharra Dora". Como tódo-los contos do espectáculo Contacontos Musicais é da nosa autoría, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán, e está musicado tal e como o representamos no espectáculo de narración oral.
É un conto breve que vai de músicos pero non só é para músicos porque trata dun tema bastante común, a convivencia entre os veciños. Problema moi frecuente que temos os músicos profesionais, xa que temos que compaxinar o noso amor pola música e a necesidade de practicar frecuentemente, coa dificultades de vivir nunca comunidade de veciños.
Aquí está o video. Esperamos que vos guste!
O conto da chicharra é o segundo video dos contos do Contacontos Musicais. Anteriormente subimos o conto de A tola de Lola que esté a ter moi boa acollida entre os rapaciños. Se vos gustan os contos de animais ou de aqueles que fan cousas que ninguén se espera, non volo perdades!
O venres 5 de abril rematamos no Ceip de Esteiro o programa de colaboración co CMUS Xan Viaño, que levou a música clásica e os contos en galego aos centros educativos públicos de Ferrol.
No Ceip Isaac Peral
O programa realizado por Musicreques, xunto co CMUS, levou entre os meses de outubro a maio o espectáculo Contacontos Musicais directamente aos centros educativos de: Cruceiro de Canido, San Xoan de Filgueira, Almirante Juan de Lángara, Ponzos, A Laxe, Isaac Peral e Esteiro. De xeito que ao redor duns 600 escolares puideron gozar dos nosos divertidos contos e de moitísimas pezas de música clásica interpretadas ao piano en directo, sen sair do seu centro educativo.
No Ceip A Laxe
No Ceip de Esteiro
Diferentes pezas de Schumann, Brahms, Debussy, Chopin, Saint-Saëns, Mozart, Grieg, Joplin ou Pieczonka, ilustraron os contos de "A galiña Carmiña", "A chicharra Dora", "O caracol viaxeiro", "A lanchiña do flamenco", "Pío e Pía" ou "A tola de Lola".
Os monicreques chamaron moitísmo a atención da cativada, especialmente a galiña Carmiña e os paxariños Pío e Pía, que moitos rapaces tentaron acariñar cando pasaron voando ao seu carón.
Foi todo un placer realizar esta actividade que tivo tan boa acollida na comunidade educativa. Ata a próxima!!