martes, 23 de abril de 2019

Musicreques celebra o Día Mundial do Libro en Irixoa

O Concello de Irixoa convidounos a celebrar o día do Libro o próximo luns 29 de abril. Farémolo levandolles o noso Contacontos Musical na versión para bebés. Será ás 12:00 da mañá na Biblioteca Municipal.


Os próximos compromisos levarannos ata Frades, Oza-Cesuras e Valdoviño. Se vos interesa, podedes seguir a nosa actividade en Facebook. 


domingo, 14 de abril de 2019

Novo conto de Musicreques en Youtube

Acabamos de subir á nosa canle de Youtube o conto de "A chicharra Dora". Como tódo-los contos do espectáculo Contacontos Musicais é da nosa autoría, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán, e está musicado tal e como o representamos no espectáculo de narración oral.


É un conto breve que vai de músicos pero non só é para músicos porque trata dun tema bastante común, a convivencia entre os veciños. Problema moi frecuente que temos os músicos profesionais, xa que temos que compaxinar o noso amor pola música e a necesidade de practicar frecuentemente, coa dificultades de vivir nunca comunidade de veciños.

Aquí está o video. Esperamos que vos guste!


O conto da chicharra é o segundo video dos contos do Contacontos Musicais. Anteriormente subimos o conto de A tola de Lola que esté a ter moi boa acollida entre os rapaciños. Se vos gustan os contos de animais ou de aqueles que fan cousas que ninguén se espera, non volo perdades!

venres, 12 de abril de 2019

Rematou o programa de colaboración de Musicreques co CMUS Xan Viaño

O venres 5 de abril rematamos no Ceip de Esteiro o programa de colaboración co CMUS Xan Viaño, que levou a música clásica e os contos en galego aos centros educativos públicos de Ferrol. 

No Ceip Isaac Peral
O programa realizado por Musicreques, xunto co CMUS, levou entre os meses de outubro a maio o espectáculo Contacontos Musicais directamente aos centros educativos de: Cruceiro de Canido, San Xoan de Filgueira, Almirante Juan de Lángara, Ponzos, A Laxe, Isaac Peral e Esteiro. De xeito que ao redor duns 600 escolares puideron gozar dos nosos divertidos contos e de moitísimas pezas de música clásica interpretadas ao piano en directo, sen sair do seu centro educativo.

No Ceip A Laxe

No Ceip de Esteiro

Diferentes pezas de Schumann, Brahms, Debussy, Chopin, Saint-Saëns, Mozart, Grieg, Joplin ou Pieczonka, ilustraron os contos de "A galiña Carmiña", "A chicharra Dora", "O caracol viaxeiro", "A lanchiña do flamenco", "Pío e Pía" ou "A tola de Lola".


Os monicreques chamaron moitísmo a atención da cativada, especialmente a galiña Carmiña e os paxariños Pío e Pía, que moitos rapaces tentaron acariñar cando pasaron voando ao seu carón.


Foi todo un placer realizar esta actividade que tivo tan boa acollida na comunidade educativa. Ata a próxima!!

domingo, 7 de abril de 2019

Unha sesión do Quebranoces en familia

Onte actuamos no Concello de Cee dentro do programa "Música e teatro en familia" que se desenvolveu os sábados dende o 23 de febreiro ata o 6 de abril no auditorio Baldomero Cores.


A asistencia de público foi algo escasa, mais iso permitiunos ter unha sesión moi íntima e familiar cos bebés que viñeron ver o espectáculo de O Quebranoces.


As pompas e o avión foron das cousas que máis lles chamaron a atención aos pequerrechos, aínda que estiveron atentos e participativos durante todo o conto musical.


Foi un pracer actuar no Concello de Cee e esperamos volver pronto con outro dos nosos espectáculos. Moitas a grazas a Pablo e Víctor pola súa amabilidade para con nós. Ata a próxima!