domingo, 14 de abril de 2019

Novo conto de Musicreques en Youtube

Acabamos de subir á nosa canle de Youtube o conto de "A chicharra Dora". Como tódo-los contos do espectáculo Contacontos Musicais é da nosa autoría, escrito por Loreto Pérez e ilustrado por Alma Cendán, e está musicado tal e como o representamos no espectáculo de narración oral.


É un conto breve que vai de músicos pero non só é para músicos porque trata dun tema bastante común, a convivencia entre os veciños. Problema moi frecuente que temos os músicos profesionais, xa que temos que compaxinar o noso amor pola música e a necesidade de practicar frecuentemente, coa dificultades de vivir nunca comunidade de veciños.

Aquí está o video. Esperamos que vos guste!


O conto da chicharra é o segundo video dos contos do Contacontos Musicais. Anteriormente subimos o conto de A tola de Lola que esté a ter moi boa acollida entre os rapaciños. Se vos gustan os contos de animais ou de aqueles que fan cousas que ninguén se espera, non volo perdades!

venres, 12 de abril de 2019

Rematou o programa de colaboración de Musicreques co CMUS Xan Viaño

O venres 5 de abril rematamos no Ceip de Esteiro o programa de colaboración co CMUS Xan Viaño, que levou a música clásica e os contos en galego aos centros educativos públicos de Ferrol. 

No Ceip Isaac Peral
O programa realizado por Musicreques, xunto co CMUS, levou entre os meses de outubro a maio o espectáculo Contacontos Musicais directamente aos centros educativos de: Cruceiro de Canido, San Xoan de Filgueira, Almirante Juan de Lángara, Ponzos, A Laxe, Isaac Peral e Esteiro. De xeito que ao redor duns 600 escolares puideron gozar dos nosos divertidos contos e de moitísimas pezas de música clásica interpretadas ao piano en directo, sen sair do seu centro educativo.

No Ceip A Laxe

No Ceip de Esteiro

Diferentes pezas de Schumann, Brahms, Debussy, Chopin, Saint-Saëns, Mozart, Grieg, Joplin ou Pieczonka, ilustraron os contos de "A galiña Carmiña", "A chicharra Dora", "O caracol viaxeiro", "A lanchiña do flamenco", "Pío e Pía" ou "A tola de Lola".


Os monicreques chamaron moitísmo a atención da cativada, especialmente a galiña Carmiña e os paxariños Pío e Pía, que moitos rapaces tentaron acariñar cando pasaron voando ao seu carón.


Foi todo un placer realizar esta actividade que tivo tan boa acollida na comunidade educativa. Ata a próxima!!

domingo, 7 de abril de 2019

Unha sesión do Quebranoces en familia

Onte actuamos no Concello de Cee dentro do programa "Música e teatro en familia" que se desenvolveu os sábados dende o 23 de febreiro ata o 6 de abril no auditorio Baldomero Cores.


A asistencia de público foi algo escasa, mais iso permitiunos ter unha sesión moi íntima e familiar cos bebés que viñeron ver o espectáculo de O Quebranoces.


As pompas e o avión foron das cousas que máis lles chamaron a atención aos pequerrechos, aínda que estiveron atentos e participativos durante todo o conto musical.


Foi un pracer actuar no Concello de Cee e esperamos volver pronto con outro dos nosos espectáculos. Moitas a grazas a Pablo e Víctor pola súa amabilidade para con nós. Ata a próxima!

martes, 26 de marzo de 2019

Musicreques comeza abril con dúas actuacións na primeira semana

Neste próximo mes de abril, que en breve vai comezar, temos dúas actuacións programadas para a primeira semana.

O venres 5 remataremos o programa de colaboración co CMUS Xan Viaño visitando o CEIP de Esteiro de Ferrol, para representar os Contacontos Musicais. E o sábado 6 viaxaremos ata o Concello de Cee co noso Quebranoces para bebés. Será ás 18.00 no Auditorio Baldomero Cores dentro do programa "Música e Teatro en familia" incluída na AGADIC de 2019.


domingo, 24 de marzo de 2019

Musicreques na vosa biblioteca


Co gallo da próxima solicitude por parte dos Concellos das actividades incluídas no catálogo de "Ler conta moito 2019", querémosvos informar dalguns erros que poden dificultar a localización dos nosos Contacontos para que poidan ser representados na vosa biblioteca.


En primeiro lugar, non nos busquedes polo nombre artístico xa que na inscripción o responsable de facela equivocouse e non aparecemos.  😥





Para localizar os nosos Contacontos recomendámosvos que poñades Musicreques no apartado de Actividade. Deste xeito obteredes dous resultados: 

1- Contacontos Musicais 
2- Contos e música do ceo, da terra e do mar.

Por outra banda, e xa dentro de cada actividade, recomendámosvos tamén que visitedes o noso blog para ter toda a información de cada Contacontos, xa que o enlace que aparece na páxina de Ler conta moito tampouco vos vai servir de moito.  😥

Pinchade nestos enlaces que aprecen a continuación e teredes toda a información que necesitedes.

1- Contacontos Musicais (Este contacontos ten dúas versións e pode estar dirixido tanto a nenos de 0 a 3 anos como a nenos de 3 a 12. Xa foi representado con moi boa acollida e en numerosas ocasións tanto no 2018 como no que levamos do 2019)

2- Contos e Música do ceo, da terra e do mar (co mesmo formato dos Contacontos Musicais, contos en prosa e en verso, música de piano en directo, cancións, adiviñas, etc, con contos e monicreques diferentes. De estrea no 2019)

Se ti es programador xa sabes!...  e se non es programador e aínda así quéresnos ver na túa biblioteca habitual, fálalle de nós ao responsable dela ou envíalle este enlace.




domingo, 17 de marzo de 2019

Actuacións de Musicreques no programa de colaboración co CMUS Xan Viaño

O venres 15 de marzo fixemos a sexta actuación do programa de dinamización da música e a lectura que Musicreques fai en colaboración co CMUS Xan Viaño de Ferrol. Desta vez fumos ata o Ceip. Isaac Peral onde actuamos para 130 rapaciños de Infantil que estiveron moi atentos e participativos. O próximo mes de abril remataremos o programa no Ceip. de Esteiro. 

E mentras chega esa data seguiremos a levar os nosos espectáculos a outros Concellos como o de Cee, no que representaremos O Quebranoces (espectáculo para bebés) no ciclo de "Música e Teatro en familia" de Agadic.


domingo, 10 de marzo de 2019

Espectáculos na Rede Cultural

O próximo mércores remata o prazo de solicitudes para a contratación dos nosos espectáculos na Rede Cultural da Deputación de A Coruña. Aínda estades a tempo se vos interesa. 😊

Temos tres espectáculos de monicreques que podedes atopar na categoría de Teatro-infantil (por un erro non aparecemos en Teatro-monicreques) e un espectáculo de Contacontos (que si está ben clasificado) na categoría de Teatro-Contacontos. Todos eles con música de piano en directo.
 🎼🎼🎹🎹

Teatro-infantil ( de monicreques)
1. As aventuras de Quebranoces
2. Iván e o Lobo gris
3. O Quebranoces (espectáculo para bebés)

Teatro-Contacontos
1. Contacontos Musicais

Podedes atopar toda a información sobre estos espectáculos neste blog nas pestañas de Espectáculos de monicreques e Contacontos.