venres, 16 de maio de 2014

Musicreques foi a Ribadeo con Quebranoces e os seus amigos

O pasado sábado visitamos a Biblioteca Municipal "El viejo Pancho" de Ribadeo. 

A Biblioteca, situada nun vello e precioso edificio, tomou o nome do escritor local José María Alonso Trelles y Jarén (1857-1924) quen empregaba o pseudónimo de "El viejo Pancho" nas súas obras. É pequena pero moi acolledora e puidemos montar todos os nosos trebellos para a actuación sen moitos problemas. Ademais tivemos unha grande axuda por parte de Verónica, do Concello de Ribadeo, que estivo con nós todo o tempo axudándonos ca loxística.

Para o concerto viñeron moitos pais e nais con rapaciños de diferentes idades, moitos deles pequeniños, que se portaron fantásticamente ben estando moi atentos e participativos. A actuación saíu moi ben e todos gozaron ca música e as trapalladas dos monicreques. Fíxonos moita gracia que un dos chistes que tiveron especialmente boa acollida foi, coma non podía ser doutro xeito, a referencia á muralla de Lugo. Notouse que estabamos na provincia lucense!

Deixámosvos o enlace da páxina de ler conta moito onde falan da actuación e algunhas imaxes do concerto.

http://blogs.xunta.es/lercontamoito/2014/05/15/as-aventuras-de-quebranoces-na-b-p-m-el-viejo-pancho-de-ribadeo/







martes, 6 de maio de 2014

Obtivemos moi boas críticas da actuación do pasado venres

O comentario explicativo que apareceu hoxe no blog de "Ler conta moito" superou todos as nosas expectativas sobre a aceptación do noso espectáculo de "As aventuras de Quebranoces" o pasado venres en O Vicedo. Fainos moi felices que lles gustara tanto e que recomenden o noso concerto didáctico!

Deixámosvos o enlace á páxina por se o queredes ler

http://blogs.xunta.es/lercontamoito/2014/05/06/as-aventuras-de-quebranoces-triunfaron-no-vicedo/

luns, 5 de maio de 2014

Actuación na Casa da Cultura de O Vicedo

O pasado venres, por primeira vez viaxamos con Musicreques fora da provincia de A Coruña para visitar o pobo de O Vicedo na mariña lucense, que contou con nós para actuar no programa de animación á lectura "Ler Conta Moito" da Xunta de Galicia.

Ata o auditorio da Casa da Cultura de O Vicedo acercáronse moitas familias interesadas en coñecer e participar nas aventuras de Quebranoces. Para o noso deleite, o público estivo moi atento, escoitando a maravillosa música de Tchaikovsky á vez que se divertía coas argalladas e disparatadas peripecias dos monicreques. Ao finalizar o concerto sentímonos novamente recompensadas ao ver os sorrisos nos rostros de pequenos e maiores ao saír da sala tras os aplausos. 

Moitas grazas a Jose Antonio Quelle pola súa amabilidade e boa acollida na Casa da Cultura, e o nosos parabéns polo seu esforzo e dedicación na súa labor de achegar a música e o teatro ás xentes da vila de O Vicedo!






venres, 25 de abril de 2014

Musicreques actuou de novo no Ceip. San Marcos de Abegondo

Fixádevos que casualidades ten a vida...

Fai pouco máis dun ano, o 16 de abril do 2013, estreábamos "As aventuras de Quebranoces" no Ceip. San Marcos de Abegondo e comezaba a nosa andaina de difundir a música clásica tocando o piano e facendo teatro de monicreques. E aquí nos tedes, un ano máis tarde, repetindo a visita ao Ceip. San Marcos co mesmo concerto didáctico, para que os nenos de Infantil e 1º de Primaria, que non puideron velo naquela ocasión, o disfrutaran nesta.


Tras nós, durante estes meses, quedan moitas visitas a outros coles como os de: Ceip. A Magdalena (As Pontes de García Rodríguez), Ceip. A Maía (Bertamiráns), Ceip. Conde de Fenosa (Ares), Ceip. Couceiro Freijomil (Pontedeume), Ceip de Andrade (Pontedeume), Cpi. de Atios (Valdoviño), Ceip. Gándara-Sofán (Carballo), Ceip. Inmaculada (Santiago de Compostela), Ceip. O Ramo (Barallobre, Fene), e tamén moitos momentos de ledicia, emoción e tenrura cos rapaces. Non obstante, Abegondo e o Ceip. San Marcos sempre terán un oco especial nos nosos corazóns. 

Queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Abegondo por contar con nós no programa  "Ler conta moito" e, especialmente, agradecer a Mar o seu traballo e a súa amabilidade para con nós. Esperamos voltar pronto e poder mostravos o novo espectáculo "Iván e o lobo gris"!





mércores, 16 de abril de 2014

Actuación no Ceip A Magdalena de As Pontes

O pasado xoves 10 de abril visitamos o Ceip. A Magdalena de As Pontes de García Rodríguez para representar "As aventuras de Quebranoces", invitados pola Anpa do colexio, a quen lle queremos agradecer a súa axuda e amabilidade para con nós. 

Foi unha mañán fantástica porque os rapaces, tanto os pequenos como os maiores, estiveron moi participativos e seguiron con moita atención todo o concerto didáctico. Un dos momentos nos que os nenos se alporizaron máis foi cando tentaban avisar aos nosos protagonistas Quebranoces e Clara, das verdadeiras intencións da famenta serpe. Tamén axudaron un montón a que Quebranoces aprendera a pronunciar ben o nome de Tchaikovsky, axudaron á muller do ruso a buscar ao seu home e, no derradeiro número, alzáronse tantas mans de rapaces voluntarios para bailar o Vals das flores que non puidemos elixir só a uns poucos e todos os nenos que quixeron saíron a bailar.

En fin… que foi un día moi especial!! 

Moitas gracias a todo o colexio, a Isabel da Anpa, e á profesora de música a quen lle queremos mandar unha aperta e prometer que para a próxima ocasión aceptaremos gustosas o café ao que tan amablemente nos invitou.

O día 24 estaremos no Salón de Abegondo

O xoves 24 deste mes temos unha cita no Centro Cultural O Salón, en Mabegondo, cos nenos e nenas de Infantil e 1º de Primaria do Ceip. San Marcos de Abegondo. 

Aquí vos deixamos un anaco da Axenda cultural do Concello de Abegondo na que figura a próxima actuación de Musicreques. 




Enlace á páxina da Axenda Cultural de Abegondo: