"A lanchiña do flamenco" é un conto para contar do 1 ao 10 no que as crianzas poderán ademais coñecer un montón de animas da selva e cantar o pegadizo estribillo.
Por mor da chuvia a selva está chea de auga e hai moitos animais en problemas, mais o flamenco ten unha lanchiña e vai ao seu rescate. Serán demasiados animais para esa lanchiña o caberán todos? Teredes que ver o conto ata o final para saber se son quen de chegar a terra firme sans e salvos.
O pasado domingo quixemos celebrar o día da nai publicando nas nosas redes un video homenaxe ás nais que están connosco e tamén as que, desafortunadamente, xa non están. Fixémolo con moitísimo agarimo empregando a letra da cantiga popular "Miña nai, miña naiciña" e a música ao piano da peza "Mamá" de P. I. Tchaikovski.
Esperamos que vos guste.
Aproveitamos para informarvos de que este próximo sábado tamén subiremos á nosa páxina de youtube un novo conto musical. Será o titulado "A lanchiña do flamenco" no que os rapaciños poderán aprender a contar, recoñecer animais e cantar unha canción. Non volo perdades!
E se non queres perder ningunha das nosas novidades...
Se aínda non estades subscritos á nosa canle de Youtube non deixedes de facelo se queredes estar ao día das nosas publicacións, porque dende o video de Ramona, a mosca lambona que colgamos a principio deste mes, engadimos un conto musical máis: o conto de "O caracol viaxeiro".
Nel aproveitamos para dar a coñecer aos raparigos a fauna das distintas partes do mundo, dende o deserto ata o ártico, a selva e as fragas, todo isto coa fermosa música do segundo movento (Andante) da Sonata en Do.M K 545 de Mozart.
As ilustracións dos fermosísimos debuxos vectoriais que aparecen no conto as atopamos ná páxina: https://www.freepik.es/fotos-vectores-gratis, e as fotos de animais da páxina: https://pixnio.com/es/
Por outra banda, e polo día do libro do pasado xoves, compartimos tamén nas nosas páxinas de Facebook e Instagram un simpático video que fixeron catro dos nosos pequenos seguidores (Iago, Lois, Leo e Iria) contando e recomendando o noso conto A tola de Lola. Se non coñecedes o conto non deixedes de velo!
Esperamos que estedes todos ben e que o noso traballo vos axude a levar mellor esta difícil situación de confinamento.
Onte subimos ás nosas redes sociais un novo video para que a rapazada pase entretida o confinamento. Esta vez foi a quenda do conto de "Ramona, a mosca lambona".
Neste divertido conto, no que a mosca Ramona come sen parar durante toda a semana moitas cousas non moi saudables, os rapaciños poden cantar e bailar connosco, ademais de rir coas cousas que fai Ramona e descubrir o sorprendente (ou non tan sorprendente) final....
Non deixedes de velo, cantalo e bailalo... e, se vos gusta, compartilo cos vosos amigos!
E se non queres perder ningunha das nosas novidades...
Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de Facebook, Instagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.
O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación:
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
No poleiro está o galo
de vistosa crista vermella,
dous agudos espolóns
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro
e o defende dos raposos.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
xunto ao galo, a galiña,
de tamaño máis pequeno
e de plumas de cor ouro,
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.
Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo
que non vas estar soíño.
E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo,
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.
Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!
Outro video que poderes ver é o do conto musicado "A galiña Carmiña". Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.
E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.
Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!
Nestes momentos tan difíciles, nas que a pandemia do coronavirus oblíganos a permanecer na casa e onde ninguén pode realizar vida normal, as Musicreques decatámonos da complicada situación de moitas familias que tedes que xestionar o traballo na casa, a incertidumbre do que está por vir, a preocupación pola saúde propia e das persoas que queredes, coa permanencia dos vosos fillos e fillas no domicilio, sen colexio nin actividades coas que poidan estar entretidos.
Dentro das nosas posibilidades, que son limitadas xa que as Musicreques somos Alma e máis Loreto e que cada quen ten a súa casa e polo tanto non nos podemos reunir para facer cousas xuntas... queremos compartir convosco os nosos contos e cancións.
Outro ano máis Musicreques participa no programa Ler conta moito das Bibliotecas Públicas de Galicia. Na presente edición poderedes atopar dous dos nosos contacontos con música e monicreques:
os Contacontos Musicais que ten dúas versións (unha para nenos de máis de tres anos e outra para bebés)
A continuación podedes ver unha mostra en fotos dos dous contacontos.
Contacontos Musicais
Contos e Música do ceo, da terra e do mar
Para atopar os nosos contacontos, no programa Ler conta moito, deberán escribir Musicreques no nome de actividade. Alí aparecerán os dous espectáculos.