Amosando publicacións coa etiqueta Colexios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colexios. Amosar todas as publicacións

sábado, 2 de febreiro de 2019

Os Contacontos Musicais nos colexios de Ferrolterra

Este mes de febreiro os Contacontos Musicais de Musicreques tamén teñen cita nos coles de Ferrol e Narón. 

O venres 15 visitaremos o Ceip A Laxe onde actuaremos para aproximadamente 60 escolares de infantil e primaria. Esta actuación enmárcase dentro do programa de dinamización da música e a lectura que facemos conxuntamente co CMUS Xan Viaño de Ferrol.


O mércores 20 achegarémonos ata Narón, ao Ceip A Solaina onde volveremos a contar os nosos contos aos raparigos e raparigas da comarca de Ferrolterra. 

xoves, 17 de xaneiro de 2019

O Contacontos Musical con linguaxe de signos

Onte actuamos para os escolares do CRA de Narón no Local social "Os Irmandiños" de O Val. Foi un día moi especial para nós porque tivemos a oportunidade de compartir os nosos contos co alumnado con discapacidades auditivas grazas á fantástica labor de Lorena María García, intérprete de linguaxe de signos.

Aquí vos deixamos un par de fotos da actuación de onte na que se pode observar a Lorena na marxe dereita desenvolvendo a súa labor de intérprete. 



Grazas ao CRA de Narón pola súa invitación, a César e Susana pola súa amabilidade para connosco e, por suposto, moitísmas grazas polos agasallos! Por certo, as "Maruxas de nata" estaban tan boas que ao chegar a casa volaron!!



martes, 23 de outubro de 2018

Comezamos a andaina polos coles

Este venres 26 de Outubro comezamos, polos coles de Ferrol, a nosa actividade de dinamización da lectura e fomento da música. Será un venres de cada mes no que Musicreques desprazarase aos centros educativos para representar o Contacontos Musical.

O colexios participantes nesta actividade sen ánimo de lucro son os seguintes:

   *  Outubro: CEIP Cruceiro de Canido
   *  Novembro: CEIP Plurilingüe San Xoan de Filgueira
   *  Decembro: CEIP Almirante Juan de Lángara
   *  Xaneiro: CEIP de Ponzos
   *  Febreiro: CEIP a Laxe
   *  Marzo: CEIP Isaac Peral
   *  Abril: CEIP de Esteiro
   *  Maio: aínda por determinar

A actuación deste venres será para 109 escolares de Infantil, que poderán gozar coas aventuras de "A tola de Lola", "Pío e Pía", "O caracol viaxeiro", "A chicharra Dora", "A lanchiña do flamenco", "A galiña Carmiña" e "Contamos emocións".

martes, 9 de outubro de 2018

Imos colaborar co Conservatorio Xan Viaño de Ferrol na dinamización da música e a lectura

O Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol e a Asociación Musical Musicreques acaban de concretar un programa de actuacións nos colexios de Ferrol para o presente curso lectivo. É un programa de fomento da música e dinamización da lectura que orgañizan conxuntamente os equipos de Normalización lingüística, Biblioteca e Convivencia do CMUS Xan Viaño xunto coa nosa Asociación.

A actividade que se vai realizar é o Contacontos musical nas datas de:

   26 de Outubro
   16 de Novembro
   14 de Decembro
   25 de Xaneiro
   15 de Febreiro
   15 de Marzo
   5 de Abril
   24 de Maio

O contacontos realizarase nos propios centros educativos sen custo ningún para os colexios nin para o CMUS Xan Viaño, dentro da actividade sen ánimo de lucro da Asociación Musical Musicreques.


Esperamos que os nenos o pasen fenomenal!!

Se queredes estar informados podédesnos seguir a través da nosa páxina de Facebook!

venres, 2 de febreiro de 2018

Un gran día da Paz para Musicreques

O martes estivemos de novo no Ceip. Mesón do Vento, catro anos despois de visitalo por primeira vez, para representar Iván e o lobo gris.

Foi un día fantástico. Todos os profes foron moi amables con nós e os rapaces disfrutaron tanto do espectáculo que riron a gargalladas, cantaron a viva voz e axudaron activamente a que o espectáculo chegara o bon fin. 

Tamén tivemos a sorte de contar cos integrantes de Habilidades Sociales de Ordes que asistiron ao espectáculo invitados polo colexio e que nos transmitiron a súa alegría por estar alí e gozar das aventuras de Iván.

Moitas grazas ao Ceip Mesón do Vento por nos amosar estes anos o seu interese para que voltásemos ao seu centro, e especialmente a Cristina, coordinadora da biblioteca do Ceip. Mesón do Vento, por toda a súa axuda.

Vos deixamos o enlace a súa páxina web por se vos interesa ver os seu comentario sobre a nosa actuación. 

mércores, 24 de xaneiro de 2018

Musicreques visitará o Ceip Mesón do Vento

Despois da actuación a primeiros de este mes en Pontedeume, na que fixemos dúas sesións, unha para bebés co Quebranoces e outra para rapaciños algo máis maiores, con Iván e o lobo gris, Musicreques ponse en marcha de novo para achegar aos rapaces a música e o teatro de monicreques.

O vindeiro martes 30 de Xaneiro, día da Paz, visitaremos de novo o Ceip Mesón do Vento, no que xa estivemos no 2014. Os rapaciños de este cole xa coñecen As aventuras de Quebranoces, mais o próximo martes coñecerán tamén a Iván, ao lobo gris, ao paxaro, a rá e, por suposto, a malvada bruxa Baba Yaga. Gozarán dun fantástico conto de aventuras, amizade e maxia no que o poder da música será quen de vencer todos problemas. Estamos a desexar que chegue o día...

Deixámosvos aquí tamén unha imaxe da actuación en Pontedeume.

mércores, 1 de novembro de 2017

Musicreques visitou o CEIP da Igrexa

O pasado 20 de outubro o Concello de As Somozas tivo a ben invitarnos a visitar o CEIP da Igrexa para representar o noso espectáculo de Iván e o lobo gris.

Os nenos pasáronno xenial e riron un montón. Aquí vos deixamos a montaxe de fotos que puxeron na súa web.


Para nós tamén un pracer volver a levar as aventuras de Iván aos colexios. Ata a próxima As Somozas!

sábado, 3 de decembro de 2016

Nova páxina: Histórico

Catro anos de andanza van xa dende o 2012!!

Nus días Musicreques vai estar de aniversario e queremos celebralo con vós cunha páxina nova no blog. Na pestaña de Histórico (arriba e á dereita) podedes ver todos os lugares onde actuamos, os programas, festivais ou ciclos nos que participamos e os centros educativos para os que fixemos sesións didácticas. Esperamos que vos sexa de interese!



Por certo, xa temos 250 seguidores na nosa páxina de facebook! Se non a coñecedes podedes visistala para ter toda a información das nosas actuacións.

martes, 13 de setembro de 2016

Actuacións nos colexios no 2016-17

Algúns colexios estanse xa a poñer en contacto ca Asociación Musical Musicreques para concretar datas de actuacións nos seus centros educativos, pero lamentablemente témosvos que informar que este ano a Asociación non vai poder actuar polas mañás de luns a venres por circunstancias persoais.

Esperamos retomar a nosa actividade nos coles durante curso académico 2017/18. Ata entón esperamos podervos ofrecer os nosos espectáculos noutras datas e espazos.

sábado, 14 de novembro de 2015

Máis de 1000 escolares asistiron á representación de Musicreques

Máis de 1000 escolares do Concello de Ferrol viñeron o pasado mércores ata o Auditorio de Caranza a gozar do espectáculo de "Iván e o lobo gris" que representamos para eles en dúas sesións. As sesións didácticas íanse celebrar nun primeiro momento no Teatro Jofre pero debido ao gran número de nenos participantes nesta actividade o Concello trasladou a súa realización a un espazo máis amplo que puidera dar cabida a uns 500 nenos por sesión.


A pesar de que o Auditorio é un espazo demasiado grande para o noso espectáculo e os nenos non puideron ter os monicreques tan preto como fora desexable, gozaron igualmente da música, as escenas de monicreques e a proxección dos debuxos. 


Os nenos dos Ceip: Recimil, Juan de Lángara, Ponzos, Pazos, Manuel Masdías, San Xoán, Cruceiro de Canido, Isaac Peral e Esteiro, axudáronnos moitísimo a derrotar a malvada bruxa Baba Yaga cantando connosco, e con tódalas súas forzas, a canción que di "Vaite bruxa, vaite de aquí, xuntos poderémoste vencer..." 


Alégrounos moito participar nesas sesións didácticas en representación do CMUS Xan Viaño e así axudar a difundir a beleza da música clásica e a lectura entre os más pequenos.


xoves, 5 de novembro de 2015

Sesións para escolares no Concello de Ferrol

O mércores da semana que ven Musicreques terá o pracer de actuar para os escolares do Concello de Ferrol, en representación do CMUS Xan Viaño. Serán dúas sesións no Teatro Jofre onde o conto musical de "Iván e o lobo gris" achegará aos rapaces á música e á cultura eslava, ca interpretación en piano a cuatro mans dunha selección das Danzas Eslavas de Antonin Dvorak e os personaxes de varios contos populares rusos. 



Esperamos que os nenos gozen das aventuras de Iván e nos axuden a derrotar á malvada bruxa Baba Yaga!

luns, 1 de xuño de 2015

Musicreques en Narón

O pasado xoves 14 de maio, Musicreques desprazouse ata o concello de Narón, para visitar ao CEIP Virxe do Mar. Os rapaces e rapazas do cole, dende infantil ata 6 de primaria, gozaron das peripecias de Ivan o Lobo Gris na súa viaxe polo bosque encantado, quedando abraiados pola maxia da malvada bruxa Baba Yagá e a maravillosa música de Antonín Dvorak.

Foi todo un pracer compartir co CEIP Virxe do Mar o noso proxecto, e unha vez máis poder saborear o seu froito, no rostro de ledicia dos nenos.


venres, 8 de maio de 2015

Iván e o lobo gris visitan o Ceip O Ramo

Onte actuamos no Ceip O Ramo de Barallobre, Fene, un cole que xa nos acolleu fantasticamente o ano pasado co espectáculo do Quebranoces. Nesta ocasión fomos para lles representar "Iván e o Lobo gris".



Estamos moi contentas de que os nenos o pasaran tan ben con nós de xeito que non querían que rematase o conto musical e pediron "outra, outra, outra....!" ao rematar. E iso que a malvada bruxa Baba Yagá lles deu tanto medo que os rapaces non lle querían aplaudir cando saíron tódolos personaxes a saudar.

Aquí vos deixamos o enlace á páxina da biblioteca do Ceip O Ramo onde comentan a nosa actuación.

http://biblioramo.blogspot.com.es/2015/05/ivan-e-o-lobo-gris.html

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Iván e o Lobo gris en Valdoviño

O pasado 15 de xaneiro a estivemos en Valdoviño para actuar para máis de 160 rapaces de entre 3 a 7 anos do CPI de Atios. Foi moi emocionante ver a reacción dos nenos ante o espectáculo de "Iván e o Lobo gris", xa que estiveron moi atentos e participativos en tódalas escenas de monicreques e inundáronnos de gargalladas coas diapositivas. Segundo nos comentaron as profesoras, algún dos nenos pensou incluso que facíamos maxia porque os monicreques parecían ter vida propia!

Deixámosvos o enlace ao comentario da actuación da Web do Cpi de Atios:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpiatios/?q=node/754

Moitas graxas ao CPI de Atios polas súas amables palabras, por contar connosco unha vez máis e, especialmente, grazas a Tareixa polo seu traballo na ensinanza musical.

mércores, 17 de decembro de 2014

Musicreques leva a Iván ao Ceip de Andrade

Tras a exitosa estrea da semana pasada no Couceiro Freijomil... arranca a xira musical de "Iván e o Lobo gris"





A primeira parada dos nosos monicreques nesta nova andaina que comezan, foi o pasado luns no CEIP de Andrade, un cole xa coñecido por Musicreques no que sempre nos sentimos moi ben acollidas. 

Ao espectáculo asistiron todos os nenos do cole, tanto os de Educación Infantil como os de Primaria, e pasárono xenial coas aventuras dos nosos protagonistas. Os nenos acompañaron as danzas eslavas de Dvorak con palmas e gargalladas a esguello, e ata rematamos o espectáculo cantando todos xuntos a fermosa canción baseada no tema da Danza Eslava nº 1 incluída na nosa Guía Didáctica. Foi un final moi fermoso e emocionante!

Noraboa a profe de música Isabel por ser quen de achegar a música aos pequenos con tanta ilusión, e grazas a todo o cole de Andrade por tratarnos sempre cun agarimo tan especial. 





sábado, 13 de decembro de 2014

Unha semana de moitas emocións

Que semana máis emocionante foi para nós esta que remata!

Comezou na preestrea de "Iván e o Lobo gris" que fixemos para os máis achegados, xa que sempre que estreamos un novo espectáculo rodámolo antes para un público de confianza a así poder reflexionar e melloralo antes de presentalo ao público en xeral. A verdade é que saíu todo ben e os nenos dixéronnos que lles gustou incluso máis que "As aventuras de Quebranoces". Que alegría nos deron!!! Os rapaciños ríronse moito e pasárono moi ben. Tal e coma nós pensáramos as idades recomendadas para o espectáculo de Iván serán de 3 ata os 10 anos.



Aquí tedes unhas fotos da preestrea



A segunda ocasión especial foi este xoves xa que a Asociación Musical Musicreques fixo dous anos de andaina. Dous anos!! quen o ía dicir.... 

Estamos moi ledas por todo o vivido e feito neste tempo e desexamos que esta fantástica aventura dure moito tempo máis. Esperamos que nos acompañedes e nos sigades dando forza para emprender novos proxectos. Lembrade que temos unha páxina de Facebook na que poderes seguir de preto toda a nosa actividade.

A terceira emoción e alegría desta semana foi e estea de "Iván e o Lobo gris" nun colexio, e non un colexio calquera, senón no Ceip. Couceiro Freijomil. Que pracer amosar o noso traballo por primeira vez nese colexio, que é tan especial para nós por ser quen nos animou a facer dun "pequeno" proxecto un "gran" proxecto que enche as nosas vidas de ledicia e diversión. Gracias Ceip. Couceiro Freijomil!!

Aquí vos deixamos un par de enlaces aos seus comentarios da nosa actuación:



mércores, 21 de maio de 2014

Celebramos o Día das Letras Galegas no Ceip. Mesón do Vento

Os nenos e nenas do CEIP Mesón do Vento celebraron o pasado venres 16 de maio o Día das Letras Galegas e o fixeron disfrutando das "Aventuras de Quebranoces".



Alí, coñecimos ás profes Lucía e Ana que nos acolleron con moito agarimo e nos axudaron na montaxe do noso equipo e na colocación da pantalla das diapositivas. Unha vez todo preparado... comezou a función!

Os nenos, tanto os pequeniños de Educación Infantil coma os de Primaria, estiveron moi atentos ás ocurrencias de Quebranoces e a súa panda de monicreques: participaron nos feitizos máxicos da Fada de Azucre, animaron con enerxía a Quebranoces para que subira á muralla chinesa, avisaron do perigo da famenta serpe do deserto e ata lle ensinaron a Quebranoces como se dicía correctamente o nome do compositor ruso Chai-kovs-ky!!, autor da fermosa música que escoitaron, bailaron e acompañaron con palmas durante o espectáculo.

Sentímonos moi a gusto traballando neste cole tan acolledor, e moi ilusionadas por formar parte na súa celebración do Día das Letras Galegas, unha festa tan importante para a nosa cultura gallega.



venres, 25 de abril de 2014

Musicreques actuou de novo no Ceip. San Marcos de Abegondo

Fixádevos que casualidades ten a vida...

Fai pouco máis dun ano, o 16 de abril do 2013, estreábamos "As aventuras de Quebranoces" no Ceip. San Marcos de Abegondo e comezaba a nosa andaina de difundir a música clásica tocando o piano e facendo teatro de monicreques. E aquí nos tedes, un ano máis tarde, repetindo a visita ao Ceip. San Marcos co mesmo concerto didáctico, para que os nenos de Infantil e 1º de Primaria, que non puideron velo naquela ocasión, o disfrutaran nesta.


Tras nós, durante estes meses, quedan moitas visitas a outros coles como os de: Ceip. A Magdalena (As Pontes de García Rodríguez), Ceip. A Maía (Bertamiráns), Ceip. Conde de Fenosa (Ares), Ceip. Couceiro Freijomil (Pontedeume), Ceip de Andrade (Pontedeume), Cpi. de Atios (Valdoviño), Ceip. Gándara-Sofán (Carballo), Ceip. Inmaculada (Santiago de Compostela), Ceip. O Ramo (Barallobre, Fene), e tamén moitos momentos de ledicia, emoción e tenrura cos rapaces. Non obstante, Abegondo e o Ceip. San Marcos sempre terán un oco especial nos nosos corazóns. 

Queremos expresar o noso agradecemento ao Concello de Abegondo por contar con nós no programa  "Ler conta moito" e, especialmente, agradecer a Mar o seu traballo e a súa amabilidade para con nós. Esperamos voltar pronto e poder mostravos o novo espectáculo "Iván e o lobo gris"!





mércores, 16 de abril de 2014

Actuación no Ceip A Magdalena de As Pontes

O pasado xoves 10 de abril visitamos o Ceip. A Magdalena de As Pontes de García Rodríguez para representar "As aventuras de Quebranoces", invitados pola Anpa do colexio, a quen lle queremos agradecer a súa axuda e amabilidade para con nós. 

Foi unha mañán fantástica porque os rapaces, tanto os pequenos como os maiores, estiveron moi participativos e seguiron con moita atención todo o concerto didáctico. Un dos momentos nos que os nenos se alporizaron máis foi cando tentaban avisar aos nosos protagonistas Quebranoces e Clara, das verdadeiras intencións da famenta serpe. Tamén axudaron un montón a que Quebranoces aprendera a pronunciar ben o nome de Tchaikovsky, axudaron á muller do ruso a buscar ao seu home e, no derradeiro número, alzáronse tantas mans de rapaces voluntarios para bailar o Vals das flores que non puidemos elixir só a uns poucos e todos os nenos que quixeron saíron a bailar.

En fin… que foi un día moi especial!! 

Moitas gracias a todo o colexio, a Isabel da Anpa, e á profesora de música a quen lle queremos mandar unha aperta e prometer que para a próxima ocasión aceptaremos gustosas o café ao que tan amablemente nos invitou.

O día 24 estaremos no Salón de Abegondo

O xoves 24 deste mes temos unha cita no Centro Cultural O Salón, en Mabegondo, cos nenos e nenas de Infantil e 1º de Primaria do Ceip. San Marcos de Abegondo. 

Aquí vos deixamos un anaco da Axenda cultural do Concello de Abegondo na que figura a próxima actuación de Musicreques. 




Enlace á páxina da Axenda Cultural de Abegondo: