martes, 15 de decembro de 2015

O Quebranoces e o Nadal

Coñecedes o conto do Quebranoces? Verdade que é un fantástico conto para esta época de Nadal? Pois agora imaxinádeo ca fermosa música da Suite de Tchaikovsky soando mentras gozades cas "Aventuras de Quebranoces" da man dos nosos monicreques.




Por cuestións familiares este Nadal non poderedes atopar a Musicreques nos escenarios, pero voltaremos pronto á actividade. Non deixedes de estar atentos ao blog ou ao noso facebook para coñecer todas as novidades.

domingo, 6 de decembro de 2015

A actuación na Cultugal foi todo un éxito

O sábado 5 de decembro Musicreques estivo no Culturgal presentando un dos nosos espectáculos de música e monicreques: o conto de "Iván e o lobo gris". 

Rematamos o día bastante cansas, pero tamén moi satisfeitas pola reacción do público xa que estivo moi participativo e obtivemos moi bos comentarios. Calculamos que os asistentes foron ao redor de unhas 150 ou 200 persoas entre pais, nais e rapaciños de moi variadas idades.


O espectáculo tivo que ser adaptado ao tempo que nos deu a organización do Culturgal. De os 45 minutos que dura o conto, o público do sábado gozou dunha versión abreviada de 30 minutos. A nosa amiga a ra e, polo tanto, a fermosa Basilia, non compartiu a aventura de Iván cos seus amigos monicreques xa que tivemos que suprimir a súa escena para poder abreviar o conto. Pero de todos xeitos a historia desenvolveuse con normalidade e, por suposto, Iván e o lobo gris conseguiron vencer á malvada Baba Yaga e saíron vitoriosos da súa andaina grazas á axuda do público asistente.

Se queredes ver máis fotos non deixedes de visitar a nosa páxina de Facebook.

martes, 24 de novembro de 2015

Musicreques estará na Culturgal

O sábado 5 de decembro estaremos na Feria de Industrias Culturais "Culturgal", no Pazo da Cultura de Pontevedra, representando o noso espectáculo de "Iván e o lobo gris". 



Poderedes atoparnos no Espazo Carpa ás 16:15. É unha hora un pouco cedo para os mais peques pero se vos achegades merecerá a pena e os rapaciños o pasarán fenomenal. Ademáis tedes un montón máis de cousas que ver e pasalo xenial. Deixámosvos o pograma por se vos interesa.


sábado, 14 de novembro de 2015

Máis de 1000 escolares asistiron á representación de Musicreques

Máis de 1000 escolares do Concello de Ferrol viñeron o pasado mércores ata o Auditorio de Caranza a gozar do espectáculo de "Iván e o lobo gris" que representamos para eles en dúas sesións. As sesións didácticas íanse celebrar nun primeiro momento no Teatro Jofre pero debido ao gran número de nenos participantes nesta actividade o Concello trasladou a súa realización a un espazo máis amplo que puidera dar cabida a uns 500 nenos por sesión.


A pesar de que o Auditorio é un espazo demasiado grande para o noso espectáculo e os nenos non puideron ter os monicreques tan preto como fora desexable, gozaron igualmente da música, as escenas de monicreques e a proxección dos debuxos. 


Os nenos dos Ceip: Recimil, Juan de Lángara, Ponzos, Pazos, Manuel Masdías, San Xoán, Cruceiro de Canido, Isaac Peral e Esteiro, axudáronnos moitísimo a derrotar a malvada bruxa Baba Yaga cantando connosco, e con tódalas súas forzas, a canción que di "Vaite bruxa, vaite de aquí, xuntos poderémoste vencer..." 


Alégrounos moito participar nesas sesións didácticas en representación do CMUS Xan Viaño e así axudar a difundir a beleza da música clásica e a lectura entre os más pequenos.


xoves, 5 de novembro de 2015

Sesións para escolares no Concello de Ferrol

O mércores da semana que ven Musicreques terá o pracer de actuar para os escolares do Concello de Ferrol, en representación do CMUS Xan Viaño. Serán dúas sesións no Teatro Jofre onde o conto musical de "Iván e o lobo gris" achegará aos rapaces á música e á cultura eslava, ca interpretación en piano a cuatro mans dunha selección das Danzas Eslavas de Antonin Dvorak e os personaxes de varios contos populares rusos. 



Esperamos que os nenos gozen das aventuras de Iván e nos axuden a derrotar á malvada bruxa Baba Yaga!

mércores, 21 de outubro de 2015

Boas críticas da representación de Musicreques en Mugardos

Trala sesión para os escolares de Coristanco que realizamos o venres 16, este martes achegámonos ata a Biblioteca Municipal de Mugardos, na que o ano pasado representamos "As aventuras de Quebranoces", para levar nesta ocasión aos rapaciños mugardeses o conto de "Iván e o lobo gris".

Os nenos e nenas que viñeron a ver o conto musical pasárono fenomenal e non perderon nin unha migalla de atención en todas as peripecias polas que pasa o simpático e tamén algo miedosiño Iván. 

Compartimos con vós a  reseña que fan da representación os responsables da Biblioteca no blog do programa Ler conta moito. Alégranos moito as súas amables palabras!

Unhas simpáticas rapaciñas posan cos monicreques

domingo, 18 de outubro de 2015

Iván e o lobo gris. Unha historia de medo para o Samaín

Xa falta pouco para que chegue o Samaín e, para aqueles que non o coñezades moito, recomendámosvos esta páxina con variados recursos para traballar cos nenos esta festa de orixe celta.  Pola nosa banda estamos a levar a diversas localidades da provincia de A Coruña unha fantástica historia de aventuras moi axeitada para esta época.   



"Iván e o lobo gris" é un conto baseado en distintas historias de orixe eslava no que o entrañable Iván ten que ir nunha difícil procura por un bosque cheo de misterios, onde hai lobos, animais encantados, árbores máis vivas do habitual e o peor de todo, una malvada bruxa que vai facer todo o posible para acabar con Iván e tódolos seus amigos.



O medo do noso amigo está moi presente durante tódalas escenas da súa aventura, pero espero non desvelar demasiado se vos conto que, gracias ao amor e á amizade, Iván logrará saír airoso cumprindo a misión que lle encargou o Rei Otón e, por máis, tamén conseguirá un novo amigo e un gran amor.

Toda esta fantástica historia nárramola cos nosos monicreques mentras a música das Danzas Eslavas de A. Dvorak, interpretadas en piano a catro mans en directo, soa de fío condutor. 

Próxima representación o martes 20 de outubro ás 17:00 na Biblioteca de Mugardos (Avda de Galicia nº 68) .

mércores, 14 de outubro de 2015

O Quebranoces para bebés representouse en Narón

O pasado sábado 10 de outubro representamos o espectáculo de "O Quebranoces" para bebés no Auditorio da Praza de Galicia de Narón dentro da festa organizada pola BBTTA de Narón para celebrar a Semana Mundial da Lactancia Materna 2015. 

Á representación asistiron aproximadamente unas 100 persoas, entre rapaciños e pais e nais, e alégranos moito poder dicir que lles encantou a representación e quedaron con ganas de repetir.



Quixemos aproveitar esta ocasión para gravar un pequeno vídeo deste fermoso conto musical onde, ademais de contarlles un relato clásico de Nadal aos nenos, traballamos outros contidos como: as partes do corpo, as cores, o día e a noite, saber onde é arriba e onde é abaixo, etc...


Podedes ver o vídeo dende a páxina de "O Quebranoces" para bebés no noso blog, dende a páxina de  Musicreques de Youtube ou dende a nosa páxina de Facebook. Esperamos que vos guste!

luns, 5 de outubro de 2015

Hoxe estaremos na ALM de Oseiro, Arteixo

Non esquezades que hoxe podedes ver o espectáculo de "Iván e o Lobo gris" na Biblioteca de Oseiro, Arteixo (Plaza Manuel Murguía s/n) ás 18:50.

Se queredes gozar da música de Dvorak e saber como lle vai a Iván na súa procura do misterioso ladrón que rouba as mazás do Rei Otón, esperámosvos!

sábado, 26 de setembro de 2015

Actuacións de Musicreques previstas para outubro

O prometido é débeda... así que aquí nos tedes para informarvos das próximas actuacións de Musicreques previstas para o mes de outubro. O espectáculo de "Iván e o lobo gris" será o principal protagonista das nosas representacións, mais tamén "O Quebranoces" para bebés volverá a facer felices aos máis pequerrechiños.

O luns 5 de outubro viaxaremos ata a Biblioteca de Oseiro (Arteixo) para representar "Iván e o lobo gris" dentro do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas Públicas Galegas. A hora prevista da actuación é ás18:50.

A BBTTA de Narón organiza unha representación de música e monicreques o día 10 de outubro no auditorio de Narón, na Plaza de Galicia. Nesta ocasión Musicreques porá en escena o conto de "O Quebranoces para bebés" (ás 18:30), espectáculo pensado para rapaciños de menos de 3 anos.

O 16 de outubro iremos ata o Concello de Coriscando para levar ata alí a Iván e aos seus amigos. Esperamos que os rapaciños do centro educativo onde imos actuar o pasen fenomenal co noso espectáculo!

Tamén, dentro do programa "Ler conta moito", Musicreques achegará a Iván, ao lobo gris, ao Rei Otón, á bruxa Baba Yaga e aos demais personaxes do conto musical ata a Biblioteca de Mugardos o día 20 de outubro.  Hora aínda a confirmar.

Estamos moi contentas de volver á actividade e, por suposto, gustaríanos moito que nos acompañedes nalgunha destas datas. Esperámosvos!!




xoves, 10 de setembro de 2015

Musicreques remata as vacacións

Ola a todos. Rematou o noso tempo de descanso e moi pronto Musicreques voltará aos escenarios para divertir ca súa música e os seus monicreques a pequenos e maiores!

Estade atentos porque en breve publicaremos as datas e lugares das próximas actuacións. 



sábado, 4 de xullo de 2015

Musicreques vaise tomar unhas vacacións

Tralas actuacións o xoves 18 de xuño na EEI de Lañas (A Baña) e do domingo 28 en Casa Pedrós na Coruña, nas que Musicreques representou o espectáculo de "Iván e o lobo gris", despedimos momentaneamente a nosa actividade xa que imos facer un descanso de verán.



Durante estes meses aproveitaremos para seguir a preparar o espectáculo de "O Carnaval dos animais" con música de Camile Saint-Saëns que xa está a tomar forma e do que esperamos podamos facer axiña a estrea.

Voltaremos á acción o día 5 de outubro na Biblioteca de Oseiro (Arteixo) ás 18:50 con "Iván e o Lobo gris". Esperámosvos.

venres, 5 de xuño de 2015

O Quebranoces para bebés gustou moito na EIM Arela

Hoxe visitamos a EIM Arela de A Coruña, invitados pola ANPA da Escola, pra levar aos seus pequenos o espectáculo de "O Quebranoces" para bebés. 


Fixemos dúas representacións: unha para os rapaces de 0 a 2 anos e outra para os nenos de 2 a 3 anos. Todos os nenos se portaron fantásticamente ben e estiveron moi atentos en tódalas escenas do conto. Foi moi emocionante ver como escoitaban a canción de Iván o ruso, axudaban á serpe a moverse arriba e abaixo, viaxaban polo mundo co avión de Clara e Quebranoces e aprendían distintas cores có chinés.

Estamos moi satisfeitas da reacción dos rapaciños aos distintos sons e imaxes que lles amosamos e moi agradecidas á ANPA e, especialmente, a Sarah Dumesnil, por contar connosco para actuar na súa escola e polos seus amables comentarios.

luns, 1 de xuño de 2015

Musicreques en Narón

O pasado xoves 14 de maio, Musicreques desprazouse ata o concello de Narón, para visitar ao CEIP Virxe do Mar. Os rapaces e rapazas do cole, dende infantil ata 6 de primaria, gozaron das peripecias de Ivan o Lobo Gris na súa viaxe polo bosque encantado, quedando abraiados pola maxia da malvada bruxa Baba Yagá e a maravillosa música de Antonín Dvorak.

Foi todo un pracer compartir co CEIP Virxe do Mar o noso proxecto, e unha vez máis poder saborear o seu froito, no rostro de ledicia dos nenos.


venres, 8 de maio de 2015

Iván e o lobo gris visitan o Ceip O Ramo

Onte actuamos no Ceip O Ramo de Barallobre, Fene, un cole que xa nos acolleu fantasticamente o ano pasado co espectáculo do Quebranoces. Nesta ocasión fomos para lles representar "Iván e o Lobo gris".



Estamos moi contentas de que os nenos o pasaran tan ben con nós de xeito que non querían que rematase o conto musical e pediron "outra, outra, outra....!" ao rematar. E iso que a malvada bruxa Baba Yagá lles deu tanto medo que os rapaces non lle querían aplaudir cando saíron tódolos personaxes a saudar.

Aquí vos deixamos o enlace á páxina da biblioteca do Ceip O Ramo onde comentan a nosa actuación.

http://biblioramo.blogspot.com.es/2015/05/ivan-e-o-lobo-gris.html

xoves, 16 de abril de 2015

Actuacións de Musicreques no programa "Ler conta moito"

Dentro do programa "Ler conta moito" das Bibliotecas públicas de Galicia, Musicreques ten previstas este 2015 varias actuacións:

O pasado 27 de marzo tocoulle a quenda á Biblioteca Nodal de Lugo onde representamos "As aventuras de Quebranoces" con moito éxito de público e críticas.

Este sábado, 18 de abril,  ás 12:00 estaremos no CSC de Fontiñas, levando o espectáculo do Quebranoces á Biblioteca pública José Saramago de Santiago de Compostela.

O 24 de abril viaxaremos ata Cariño onde a nosa actuación terá lugar ás 11:00 na Casa da Cultura.

O 5 de Outubro ás 18:50 "Iván e o Lobo gris" farán as delicias dos rapaces na Biblioteca de Oseiro en Arteixo.

E para rematar as actuacións nas Bibliotecas, Musicreques actuará na Biblioteca de Mugardos o 20 de outubro co espectáculo de "Iván e o Lobo gris".

Contamos convosco!


xoves, 22 de xaneiro de 2015

Iván e o Lobo gris en Valdoviño

O pasado 15 de xaneiro a estivemos en Valdoviño para actuar para máis de 160 rapaces de entre 3 a 7 anos do CPI de Atios. Foi moi emocionante ver a reacción dos nenos ante o espectáculo de "Iván e o Lobo gris", xa que estiveron moi atentos e participativos en tódalas escenas de monicreques e inundáronnos de gargalladas coas diapositivas. Segundo nos comentaron as profesoras, algún dos nenos pensou incluso que facíamos maxia porque os monicreques parecían ter vida propia!

Deixámosvos o enlace ao comentario da actuación da Web do Cpi de Atios:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpiatios/?q=node/754

Moitas graxas ao CPI de Atios polas súas amables palabras, por contar connosco unha vez máis e, especialmente, grazas a Tareixa polo seu traballo na ensinanza musical.

domingo, 11 de xaneiro de 2015

Xa podedes ver o vídeo de Iván e o Lobo gris

Xa tedes dispoñible o vídeo de "Iván e o Lobo gris" que fixemos hai uns poucos días para que vexades como é o espectáculo. Tedes moitos xeitos de acceder a el.

En primeiro lugar podédelo atopar se pinchades na pestana de ESPECTÁCULOS, que está na parte superior do blog, e despois lle dades a ler máis..  en "Iván e o Lobo gris".

Tamén é doado de atopar en Youtube, indo directamente á nosa canle (Musicreques) ou poñendo "Iván e o Lobo gris" no buscador.

Na nosa páxina de Facebook atoparédelo na pestana de VÍDEOS.

Esperamos que vos sexa de interese e vos guste moito!

venres, 2 de xaneiro de 2015

As aventuras de Quebranoces no Festival de Nadal do Concello de Vedra

A actividade de Musicreques non remata co 2014. O próximo domingo 4 de xaneiro estreamos o novo ano 2015 cunha actuación no Concello de Vedra, enmarcada no Festival de Nadal da Asociación Cultural San Campio, que terá lugar na Casa da Cultura de Miguel de Sarandón. A hora prevista da nosa actuación é sobre as 18:15. 


Haberá curtametraxes, panxoliñas, e moitas outras cousas que encantarán aos rapaciños. Quebranoces e os seus amigos van ir. Vascho perder?

Muiscreques rematou o ano 2014 na Biblioteca de Santiago de Compostela

Rematamos o ano 2014 ca actuación do pasado 20 de decembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal onde tivemos unha asistencia de 33 rapaces e 25 adultos que, segundo nos contaron as responsables da Biblioteca, o pasaron fenomenal e valoraron satisfactoriamente a actividade.

Aquí tedes unha foto da actuación dese día aparecida na páxina de facebook da Biblioteca Ánxel Casal co lema: Un bo espectáculo (aínda que na fotografía non se aprecie moito)


A próxima actuación será o día 4 de xaneiro no Concello de Vedra.