venres, 5 de xuño de 2015

O Quebranoces para bebés gustou moito na EIM Arela

Hoxe visitamos a EIM Arela de A Coruña, invitados pola ANPA da Escola, pra levar aos seus pequenos o espectáculo de "O Quebranoces" para bebés. 


Fixemos dúas representacións: unha para os rapaces de 0 a 2 anos e outra para os nenos de 2 a 3 anos. Todos os nenos se portaron fantásticamente ben e estiveron moi atentos en tódalas escenas do conto. Foi moi emocionante ver como escoitaban a canción de Iván o ruso, axudaban á serpe a moverse arriba e abaixo, viaxaban polo mundo co avión de Clara e Quebranoces e aprendían distintas cores có chinés.

Estamos moi satisfeitas da reacción dos rapaciños aos distintos sons e imaxes que lles amosamos e moi agradecidas á ANPA e, especialmente, a Sarah Dumesnil, por contar connosco para actuar na súa escola e polos seus amables comentarios.

luns, 1 de xuño de 2015

Musicreques en Narón

O pasado xoves 14 de maio, Musicreques desprazouse ata o concello de Narón, para visitar ao CEIP Virxe do Mar. Os rapaces e rapazas do cole, dende infantil ata 6 de primaria, gozaron das peripecias de Ivan o Lobo Gris na súa viaxe polo bosque encantado, quedando abraiados pola maxia da malvada bruxa Baba Yagá e a maravillosa música de Antonín Dvorak.

Foi todo un pracer compartir co CEIP Virxe do Mar o noso proxecto, e unha vez máis poder saborear o seu froito, no rostro de ledicia dos nenos.


venres, 8 de maio de 2015

Iván e o lobo gris visitan o Ceip O Ramo

Onte actuamos no Ceip O Ramo de Barallobre, Fene, un cole que xa nos acolleu fantasticamente o ano pasado co espectáculo do Quebranoces. Nesta ocasión fomos para lles representar "Iván e o Lobo gris".



Estamos moi contentas de que os nenos o pasaran tan ben con nós de xeito que non querían que rematase o conto musical e pediron "outra, outra, outra....!" ao rematar. E iso que a malvada bruxa Baba Yagá lles deu tanto medo que os rapaces non lle querían aplaudir cando saíron tódolos personaxes a saudar.

Aquí vos deixamos o enlace á páxina da biblioteca do Ceip O Ramo onde comentan a nosa actuación.

http://biblioramo.blogspot.com.es/2015/05/ivan-e-o-lobo-gris.html

xoves, 16 de abril de 2015

Actuacións de Musicreques no programa "Ler conta moito"

Dentro do programa "Ler conta moito" das Bibliotecas públicas de Galicia, Musicreques ten previstas este 2015 varias actuacións:

O pasado 27 de marzo tocoulle a quenda á Biblioteca Nodal de Lugo onde representamos "As aventuras de Quebranoces" con moito éxito de público e críticas.

Este sábado, 18 de abril,  ás 12:00 estaremos no CSC de Fontiñas, levando o espectáculo do Quebranoces á Biblioteca pública José Saramago de Santiago de Compostela.

O 24 de abril viaxaremos ata Cariño onde a nosa actuación terá lugar ás 11:00 na Casa da Cultura.

O 5 de Outubro ás 18:50 "Iván e o Lobo gris" farán as delicias dos rapaces na Biblioteca de Oseiro en Arteixo.

E para rematar as actuacións nas Bibliotecas, Musicreques actuará na Biblioteca de Mugardos o 20 de outubro co espectáculo de "Iván e o Lobo gris".

Contamos convosco!


xoves, 22 de xaneiro de 2015

Iván e o Lobo gris en Valdoviño

O pasado 15 de xaneiro a estivemos en Valdoviño para actuar para máis de 160 rapaces de entre 3 a 7 anos do CPI de Atios. Foi moi emocionante ver a reacción dos nenos ante o espectáculo de "Iván e o Lobo gris", xa que estiveron moi atentos e participativos en tódalas escenas de monicreques e inundáronnos de gargalladas coas diapositivas. Segundo nos comentaron as profesoras, algún dos nenos pensou incluso que facíamos maxia porque os monicreques parecían ter vida propia!

Deixámosvos o enlace ao comentario da actuación da Web do Cpi de Atios:

http://www.edu.xunta.es/centros/cpiatios/?q=node/754

Moitas graxas ao CPI de Atios polas súas amables palabras, por contar connosco unha vez máis e, especialmente, grazas a Tareixa polo seu traballo na ensinanza musical.

domingo, 11 de xaneiro de 2015

Xa podedes ver o vídeo de Iván e o Lobo gris

Xa tedes dispoñible o vídeo de "Iván e o Lobo gris" que fixemos hai uns poucos días para que vexades como é o espectáculo. Tedes moitos xeitos de acceder a el.

En primeiro lugar podédelo atopar se pinchades na pestana de ESPECTÁCULOS, que está na parte superior do blog, e despois lle dades a ler máis..  en "Iván e o Lobo gris".

Tamén é doado de atopar en Youtube, indo directamente á nosa canle (Musicreques) ou poñendo "Iván e o Lobo gris" no buscador.

Na nosa páxina de Facebook atoparédelo na pestana de VÍDEOS.

Esperamos que vos sexa de interese e vos guste moito!

venres, 2 de xaneiro de 2015

As aventuras de Quebranoces no Festival de Nadal do Concello de Vedra

A actividade de Musicreques non remata co 2014. O próximo domingo 4 de xaneiro estreamos o novo ano 2015 cunha actuación no Concello de Vedra, enmarcada no Festival de Nadal da Asociación Cultural San Campio, que terá lugar na Casa da Cultura de Miguel de Sarandón. A hora prevista da nosa actuación é sobre as 18:15. 


Haberá curtametraxes, panxoliñas, e moitas outras cousas que encantarán aos rapaciños. Quebranoces e os seus amigos van ir. Vascho perder?