Páxinas

sábado, 9 de novembro de 2013

Actuación no Ceip. Conde de Fenosa

Onte actuamos no Ceip Conde de Fenosa de Ares. Fixemos dúas sesións ás que viñeron os nenos de 4 e 5 anos de Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria. Foi una experiencia fantástica retomar a actividade de Musicreques despois da pausa do verán.

Fixemos un grande esforzo ao facer toda a montaxe para as dúas actuacións sen as mans de Juan, quen estivo connosco en anteriores ocasións, pero pagou a pena xa que o pasamos fenomenal. Ademais tivemos moitísima axuda de Conchi, á quen estamos moi agradecidas por todo o traballo que fixo axudándonos a levar o material dende coche á sala de actuacións e dende a sala de actuacións ao coche. Tamén tivemos unha sorpresa moi agradábel ao atopar no Colexio a Teresa Frieiro, amiga nosa do Conservatorio e seguidora da nosa páxina de facebook, quen puido ver un anaquiño do concerto didáctico.


Desgraciadamente non puidemos sacar nin fotos nin vídeo porque algúns pais non deran a súa autorización para o uso da imaxe dos rapaces, así que para que compartades connosco o máxico momento de onte, pensamos poñer neste post algún das cousas que aconteceron e algúns comentarios que ouvimos durante as actuacións.

Na escena de Nadal un neno quedou encantado de que o irmán de Clara, entre todos os agasallos, escollera en primeiro lugar o peluche: Mira que ben, colleu o tigre!
Na batalla entre o Rei Rato e Quebranoces, o malvado rato acabou por tirar a árbore de Nadal, co que as risas dos nenos foron espectaculares.
Entre escena e escena os nenos aplaudían e dicían: outra! outra! outra! mentres un rapaz das primeiras filas tentaba tranquilizarlles dicindo: xa ven outra, están a cambiar o decorado..
Segundo nos comentou Conchi, as caras dos nenos mentres nós actuábamos eran fermosas polo asombro e ilusión que amosaban.
Unha nena, cada vez que o telón se abría, dicía: oh, que bonito!
Coma sempre, o ruso chegou aos corazóns dos rapaces coas súas ocorrencias e a serpe fíxoos tremer pensando que ía conseguir comer aos nosos protagonistas...
Despois de todo o concerto didáctico escoitando Quebranoces por aquí, Quebranoces por alá, preguntámoslle a un rapaz quen, dos monicreques, era o seu preferido. Tras pensalo moito respostou: el de rojo. 

Esperamos que deste xeito vos fagades unha idea do fermoso día que tivemos onte xunto cos nenos e nenas do Ceip. Conde de Fenosa.

Por certo, cando estabamos a recoller, decatámonos de que os nosos coches eran como as teclas dun piano, un é branco e o outro negro. Xa se ve que isto da música é o noso, jajajajaja. 

1 comentario: