Páxinas

sábado, 30 de novembro de 2013

O Ceip. O Ramo disfrutou con Musicreques

Onte fumos ao Ceip O Ramo de Barallobre, Fene, e actuamos para 90 nenos e nenas de E. Infantil e E. Primaria. 

Non puidemos pedir un lugar máis máxico para facer a función. Entre a escuridade da sala, o equipo de son e os novos micrófonos, a música e os monicreques fixeron rir e disfrutar aos rapaces un montón. Estiveron moi participativos e tivemos moitísimos voluntarios para bailar o vals!

Quixeramos agradecer a axuda que tivemos coas diapositivas e o son por parte do conserxe, de quen desgraciadamente non lembramos o nome. Gracias ao seu bo traballo todo foi como nós tiñamos previsto.

Se queredes ver a reseña que puxeron no blog da biblioteca podédelo facer dende o seguinte enlace:





Actuación no Ceip. Inmaculada-La Salle

O xoves actuamos no Ceip. Inmaculada de Santiago de Compostela. Tivemos que atrasar a actuación prevista para o día 22 de novembro para o xoves 28 porque Loreto tivo problemas de saúde pero, afortunadamente, puido recuperarse para a nova data elixida e tiña a voz suficientemente ben para facer as dúas funcións. 

Nesta ocasión vino connosco Mónica, unha axudante excepcional, disposta ao que fixera falta para que todo saíra ben. Traballou moito axudándonos cos aparellos e incluso estaba preparada para interpretar a Clara e ao simpático ruso. Moitas gracias Mónica por ser o noso comodín! 

Foron todos super amables connosco e estamos moi agradecidas polo traballo que fixo Noelia cos rapaces nas clases de música. Foi todo un pracer tocar mentres os nenos cantaban as canción que lles propuxemos na guía didáctica. As sabían todas!! O único problema foi que unha nena quedou un pouco consternada por non poder cantar a canción rusa... a verdade é que nós a tocamos moi aprisa e así non hai xeito.

O xoves foi tamén o día no que estreamos os micrófonos, a nosa máis recente adquisición, e podemos dicir que estamos moi contentas coa inversión. Soan fantásticos e así se nos escoita perfectamente aínda que os nenos se alboroten nalgunhas esceas, como na que aparece a rusa na procura do seu home.

En fin, que foi outro marabilloso día no que puidemos levar a música ata os corazóns dos nenos. Unha aperta a Noelia e a todos os demais profesores do Ceip. Inmaculada. Esperamos voltar ao voso cole co novo espectáculo!

mércores, 27 de novembro de 2013

Axenda de Musicreques para decembro

Deixámosvos a nosa axenda para o mes de decembro.


Nesta ocasión actuaremos no Ceip A Maía de Ames e no Ceip  de Atios en Valdoviño, ademáis de ir por fin ao Ceip de Gándara-Sofán de Carballo, onde tivemos que retrasar a actuación prevista para novembro por motivos de saúde. 

Esperamos que lles guste moito "As aventuras de Quebranoces"

mércores, 13 de novembro de 2013

O Ceip Conde de Fenosa fala de Musicreques


Os blogs da biblioteca e do 1º Ciclo de Primaria do Ceip Conde de Fenosa escribiron sobre a actuación de Musicreques. Alégranos poder dicir que lles gustou moito o noso concerto didáctico!

Deixámosvos aquí os enlaces aos blogs para que os visitedes e vexades as fotos e o video da actuación.

http://carabeladeares.blogspot.com.es/2013/11/as-aventuras-de-quebranoces.html

http://parairempezando.blogspot.com.es/2013/11/as-aventuras-de-quebranoces.html

sábado, 9 de novembro de 2013

Actuación no Ceip. Conde de Fenosa

Onte actuamos no Ceip Conde de Fenosa de Ares. Fixemos dúas sesións ás que viñeron os nenos de 4 e 5 anos de Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria. Foi una experiencia fantástica retomar a actividade de Musicreques despois da pausa do verán.

Fixemos un grande esforzo ao facer toda a montaxe para as dúas actuacións sen as mans de Juan, quen estivo connosco en anteriores ocasións, pero pagou a pena xa que o pasamos fenomenal. Ademais tivemos moitísima axuda de Conchi, á quen estamos moi agradecidas por todo o traballo que fixo axudándonos a levar o material dende coche á sala de actuacións e dende a sala de actuacións ao coche. Tamén tivemos unha sorpresa moi agradábel ao atopar no Colexio a Teresa Frieiro, amiga nosa do Conservatorio e seguidora da nosa páxina de facebook, quen puido ver un anaquiño do concerto didáctico.


Desgraciadamente non puidemos sacar nin fotos nin vídeo porque algúns pais non deran a súa autorización para o uso da imaxe dos rapaces, así que para que compartades connosco o máxico momento de onte, pensamos poñer neste post algún das cousas que aconteceron e algúns comentarios que ouvimos durante as actuacións.

Na escena de Nadal un neno quedou encantado de que o irmán de Clara, entre todos os agasallos, escollera en primeiro lugar o peluche: Mira que ben, colleu o tigre!
Na batalla entre o Rei Rato e Quebranoces, o malvado rato acabou por tirar a árbore de Nadal, co que as risas dos nenos foron espectaculares.
Entre escena e escena os nenos aplaudían e dicían: outra! outra! outra! mentres un rapaz das primeiras filas tentaba tranquilizarlles dicindo: xa ven outra, están a cambiar o decorado..
Segundo nos comentou Conchi, as caras dos nenos mentres nós actuábamos eran fermosas polo asombro e ilusión que amosaban.
Unha nena, cada vez que o telón se abría, dicía: oh, que bonito!
Coma sempre, o ruso chegou aos corazóns dos rapaces coas súas ocorrencias e a serpe fíxoos tremer pensando que ía conseguir comer aos nosos protagonistas...
Despois de todo o concerto didáctico escoitando Quebranoces por aquí, Quebranoces por alá, preguntámoslle a un rapaz quen, dos monicreques, era o seu preferido. Tras pensalo moito respostou: el de rojo. 

Esperamos que deste xeito vos fagades unha idea do fermoso día que tivemos onte xunto cos nenos e nenas do Ceip. Conde de Fenosa.

Por certo, cando estabamos a recoller, decatámonos de que os nosos coches eran como as teclas dun piano, un é branco e o outro negro. Xa se ve que isto da música é o noso, jajajajaja.