Páxinas

luns, 30 de marzo de 2020

Novos videos de Musicreques

Tal e como vos adiantabamos estes días, xa hai novos videos nas nosas contas de FacebookInstagram, e Youtube. Unha canción, un contacontos con música e unha escena co monicreque da bruxa Baba Iaga.


O primero video que colgamos foi o de a Canción do pitiño. Subímolo polo día da poesía e fala de galos, galiñas e pitiños amarelos. Fixémos a canción estes días pensando en todos ese pitiños que teñen que quedar na casa por mor do coronavirus. O estribillo vai no video para que vos sexa máis doado cantalo, mais se queredes ver a letra completa do poema deixámola a continuación: 

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

No poleiro está o galo 
de vistosa crista vermella,
dous agudos espolóns 
e andares fachendosos,
que vixía o galiñeiro 
e o defende dos raposos.

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

xunto ao galo, a galiña, 
de tamaño máis pequeno 
e de plumas de cor ouro, 
quen sentando quenta o niño
e un ovo, que é un tesouro,
porque dentro está o pitiño.

Pitiño! Pitiño! Fica calmo no niño,
descasa e non teñas medo 
que non vas estar soíño.

E os pitiños amarelos
que andan a buscar o millo, 
comen vermes é miñocas
e mentras o galo canta...
KIKIRIKÍ!!...🎶🎶🎶🎶
amolan ás galiñas chocas.

Pitiño! Pitiño! Queda calmo no niño
descansa e non teñas medo
que non vas estar soíño!

Outro video que poderes ver é o do conto musicado "A galiña Carmiña". Un dos contos incluídos no espectáculo Contacontos Musicais que levamos representando dende o ano 2017 pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este sinxelo conto está pensado especialmente para bebés e nenos de 3 a 6 anos, mais gusta a pequenos e maiores pola historia que conta, o uso dos monicreques e o emprego de música de piano (habitualmente en directo) para dar a atmósfera axeitada a cada escena. A peza que se escoita na maior parte do conto e a Gymnopedie nº 1 de Erik Satie.



E para rematar, hoxe colgamos a adaptación a estes tempos de confinamento polo coronavirus do video da bruxa Baba Iaga (que fixéramos polo Samaín). A simpática bruxa manda unha mensaxe aos rapaciños que esperamos que lles divirta e entreteña.

Por hoxe nada máis. Moito ánimo a todos, que xa queda un día menos e xuntos o conseguiremos!!

Seguídenos nas redes!

xoves, 26 de marzo de 2020

Musicreques quere compartir os seus contos

Nestes momentos tan difíciles, nas que a pandemia do coronavirus oblíganos a permanecer na casa e  onde ninguén pode realizar vida normal, as Musicreques decatámonos da complicada situación de moitas familias que tedes que xestionar o traballo na casa, a incertidumbre do que está por vir, a preocupación pola saúde propia e das persoas que queredes, coa permanencia dos vosos fillos e fillas no domicilio, sen colexio nin actividades coas que poidan estar entretidos.

Dentro das nosas posibilidades, que son limitadas xa que as Musicreques somos Alma e máis Loreto e que cada quen ten a súa casa e polo tanto non nos podemos reunir para facer cousas xuntas... queremos compartir convosco os nosos contos e cancións.

Invitámosvos a consultar e seguir as nosas páxinas de Facebook (Facebook de Musicreques) e Instagram (Instagram de Musicreques), así como tamén a canle de Youtube para ver o que imos compartir nestas datas.

Nada máis.  Moito ánimo a todos! que como di a sabedoría popular:  nunca choveu que non escampara!!

)