Páxinas

mércores, 21 de outubro de 2015

Boas críticas da representación de Musicreques en Mugardos

Trala sesión para os escolares de Coristanco que realizamos o venres 16, este martes achegámonos ata a Biblioteca Municipal de Mugardos, na que o ano pasado representamos "As aventuras de Quebranoces", para levar nesta ocasión aos rapaciños mugardeses o conto de "Iván e o lobo gris".

Os nenos e nenas que viñeron a ver o conto musical pasárono fenomenal e non perderon nin unha migalla de atención en todas as peripecias polas que pasa o simpático e tamén algo miedosiño Iván. 

Compartimos con vós a  reseña que fan da representación os responsables da Biblioteca no blog do programa Ler conta moito. Alégranos moito as súas amables palabras!

Unhas simpáticas rapaciñas posan cos monicreques

domingo, 18 de outubro de 2015

Iván e o lobo gris. Unha historia de medo para o Samaín

Xa falta pouco para que chegue o Samaín e, para aqueles que non o coñezades moito, recomendámosvos esta páxina con variados recursos para traballar cos nenos esta festa de orixe celta.  Pola nosa banda estamos a levar a diversas localidades da provincia de A Coruña unha fantástica historia de aventuras moi axeitada para esta época.   



"Iván e o lobo gris" é un conto baseado en distintas historias de orixe eslava no que o entrañable Iván ten que ir nunha difícil procura por un bosque cheo de misterios, onde hai lobos, animais encantados, árbores máis vivas do habitual e o peor de todo, una malvada bruxa que vai facer todo o posible para acabar con Iván e tódolos seus amigos.



O medo do noso amigo está moi presente durante tódalas escenas da súa aventura, pero espero non desvelar demasiado se vos conto que, gracias ao amor e á amizade, Iván logrará saír airoso cumprindo a misión que lle encargou o Rei Otón e, por máis, tamén conseguirá un novo amigo e un gran amor.

Toda esta fantástica historia nárramola cos nosos monicreques mentras a música das Danzas Eslavas de A. Dvorak, interpretadas en piano a catro mans en directo, soa de fío condutor. 

Próxima representación o martes 20 de outubro ás 17:00 na Biblioteca de Mugardos (Avda de Galicia nº 68) .

mércores, 14 de outubro de 2015

O Quebranoces para bebés representouse en Narón

O pasado sábado 10 de outubro representamos o espectáculo de "O Quebranoces" para bebés no Auditorio da Praza de Galicia de Narón dentro da festa organizada pola BBTTA de Narón para celebrar a Semana Mundial da Lactancia Materna 2015. 

Á representación asistiron aproximadamente unas 100 persoas, entre rapaciños e pais e nais, e alégranos moito poder dicir que lles encantou a representación e quedaron con ganas de repetir.



Quixemos aproveitar esta ocasión para gravar un pequeno vídeo deste fermoso conto musical onde, ademais de contarlles un relato clásico de Nadal aos nenos, traballamos outros contidos como: as partes do corpo, as cores, o día e a noite, saber onde é arriba e onde é abaixo, etc...


Podedes ver o vídeo dende a páxina de "O Quebranoces" para bebés no noso blog, dende a páxina de  Musicreques de Youtube ou dende a nosa páxina de Facebook. Esperamos que vos guste!

luns, 5 de outubro de 2015

Hoxe estaremos na ALM de Oseiro, Arteixo

Non esquezades que hoxe podedes ver o espectáculo de "Iván e o Lobo gris" na Biblioteca de Oseiro, Arteixo (Plaza Manuel Murguía s/n) ás 18:50.

Se queredes gozar da música de Dvorak e saber como lle vai a Iván na súa procura do misterioso ladrón que rouba as mazás do Rei Otón, esperámosvos!